O trío retoma a xira de presentación do seu novo disco, Contrapunto, o vindeiro domingo 26 no TradFest e o sábado 1 de agosto en Ribeira.
As pandereteiras manteñen todos os martes pola noite, a través das súas redes sociais, as conversas Mira unha cousiña…, que esta xornada (21.00 horas) conta coa intérprete María Vázquez de convidada.
As voces e pandeiretas de Tanxugueiras regresan esta semana, con máis entusiasmo e forza que nunca, aos escenarios. O grupo retoma na noite de mañá, mércores 22, as actuacións ao vivo. A primeira cita co público será no Castelo de Soutomaior, na sesión inaugural do Festival Sinsal Litoral, nun concerto no que o trío acompañará, puntualmente, ao axitador folclórico Rodrigo Cuevas, con quen compartiron conversas no confinamento a través dos Tanxuvermús. As entradas para o encontro, que comezará ás 21.30 horas, están esgotadas.
O domingo 26 de xullo chegará a segunda ocasión na que Tanxugueiras suba ás táboas esta semana e será para retomar a xira de presentación do seu novo disco, Contrapunto. Temas como Perfidia, Desposorio, Autocracia ou Irmandade soarán no Compostela TradFest, programación vinculada á música tradicional que se celebra no marco das Festas do Apóstolo 2020. A nova cita de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro co público compostelán comezará contra as 21.00 horas na praza da Quintana e suporá, ademais, o broche de ouro do festival, no que tamén participará Ailá. As entradas para o evento xa se poden reservar, desde esta mesma mañá, a través do portal www.reservas.gal.
De cara á semana que vén a xira de presentación de Contrapunto chegará ao concello de Ribeira. As cantareiras, que durante o confinamento lanzaron o tema Telo a través das súas redes sociais, actuarán o vindeiro sábado 1 de agosto, a partir das 22.15 horas, no Paseo do Malecón. O directo, que conta cun deseño coidado acompañado dunha iluminación especial, pretende implicar ao público cos relatos que transmiten as cancións do álbum, un canto á liberdade e ao empoderamento feminino no que Aida, Olaia e Sabela asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín.
Ademais destas citas, Tanxugueiras mantén o seu compromiso de achegar ao público a súa ollada sobre as propostas do mundo cultural con Mira unha cousiña…, a serie de conversas en aberto que se emiten todos os martes a partir das 21.00 horas nos perfís do grupo en Instagram (www.instagram.com/tanxugueiras), Facebook (www.facebook.com/tanxugueiras) e Youtube (https://www.youtube.com/tanxugueiras). Na noite de hoxe, martes 21, a convidada será a actriz María Vázquez, quen vén de retomar tamén as actuacións teatrais esta mesma fin de semana en Ribadavia, e con quen falarán do audiovisual galego. Xa de cara ao día 28, o invitado será o músico Xabi Aburruzaga, con quen o grupo compartiu escenarios e gravacións nos últimos meses. É o caso do último traballo do trikitilari, Bost (2019), no que se adentra no universo folk vasco.
Ao igual que os Tanxuvermús, emitidos durante o confinamento, todas as gravacións ao vivo de Mira unha cousiña… quedan dispoñibles para a súa visualización na canle de Youtube de Tanxugueiras.