Foto: Javier Bragado

Os Premios MIN desvelaron hoxe os finalistas da súa próxima edición, a número dezaseis, que terá lugar o próximo 17 de abril en Zaragoza.

Organizados pola Unión Fonográfica Independente (UFI), este ano Tanxugueiras volven ter unha forte presenza entre a selección de artistas que prenden a faísca da innovación e autenticidade na industria musical do noso país. Se o ano pasado levaron a casa os premios correspondentes a “Mellor álbum en galego” e “Mellor álbum de música de raíz” por “Diluvio”, neste 2024 as galegas conseguiron pasar á fase final de catro categorías:

– Canción do ano: “Hoxe, Mañá e Sempre” con Valeria Castro

– Mellor videoclip: “Aire”. Directores: Trece Amarillo (Diego M. Barcia, Diego Santaclara).

– Mellor produción musical: “Hoxe, Mañá e sempre”. Produtores: Valeria Castro, Tanxugueiras, Iago Pico (Pouland Studios)

– Mellor letra orixinal: “As que tiñan que estar” con Juancho Marqués

En canto a nova música, hoxe mesmo podemos escoitalas en “Ouveo”, canción inédita que formará parte do novo álbum de Bala, e na próxima semana desvelarase unha nova colaboración moi esperada desde hai meses.

Ademais, o pasado 1 de marzo estreouse a serie de Amazon Prime Vídeo “Reina Roja”, que está a arrasar na plataforma de vídeo, e na que participan na súa banda sonora cunha versión de “No mires a los ojos de la gente” de Golpes Bajos que posicionou ao tema no Top 200 de Shazams en España desde o día do seu lanzamento.

Recentemente o Barómetro da Cultura Galega, a cargo do Consello da Cultura Galega, catalogou a Tanxugueiras como o máis destacado do sector cultural galego no pasado 2023.

O trío galego comezou xa a presentar o seu novo formato de xira para este 2024, dando o pistoletazo de saída a pasada semana en Francia e tendo xa estas paradas confirmadas para os próximos meses:

13/04 • ZEID Fest • Barakaldo (Bizkaia)

14/05 • Rivas Vaciamadrid • Madrid

25/05 • Ouren Sound Fest • Benposta (Ourense)

10 a 13/07 • Pirata Beach Fest • Gandía (Valencia)

1 ao 3/08 • SonRías Baixas • Bueu (Pontevedra)

6 a 8/09 • Festival Osa do Mar • Burela (Lugo)

12 a 15/09 • Festival Revenidas • Vilaxoán, Vilagarcía (Pontevedra)