A falta de case catro meses para a  súa  celebración, xa coñecemos a distribución por días  da  21ª edición do  SonRías Baixas
 
Así, durante as xornadas do  1, 2 e 3 de agosto, na localidade de  Bueu  (Pontevedra)  poderemos gozar desta selección de artistas: 
 

Xoves 1 
LA OREJA DE VAN GOGH 
ÁLVARO DE LUNA • LA LA LOVE YOU 
ANABEL LEE • MOROCHOS 
SABELA • SEXY ZEBRAS 
  
Venres 2 
ROZALÉN • CHEF´SPECIAL 
FILLAS DE CASSANDRA • TRAVIS BIRDS 
COOL NENAS • GILIPOJAZZ • LA ÉLITE • MUERDO 
  
Sábado 3 
TANXUGUEIRAS • RAYDEN 
GINEBRAS • THE RAPANTS 
EMLAN • INÉS HERNAND 
MONDRA • MR. KILOMBO 
 

Os  abonos xerais  seguen  dispoñibles  aquí e a través de  Enterticket.es, e este xoves poñeranse a venda as entradas de día. Como xa ocorreu na edición anterior, o 31 de xullo terá lugar a festa de benvida no recinto e tamén se abrirá a zona de acampada, que este ano trae como novidade a posbilidade de acceso á mesma para as persoas que compren a entrada de un só día.  

Esta edición estará  encabezada por nomes como  La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna  ou  Rayden, nunha  aposta da organización, a promotora PlayPlan,  para tratar de cambiar a tendencia marcada pola propia industria musical, e apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como nomes principais do cartel. 

Tamén se mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como  Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela  ou The Rapants, encabezada  pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego, como son  Tanxugueiras. 
 
A todos estes nomes súmanselles as interesantes propostas  de  Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras eTravis Birds, mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais. 

A primeira xornada estará encabezada por La Oreja de Van Gogh, que chegan por primeira vez a Bueu sendo, sen dúbida, referentes de toda unha xeración e unha das nosas bandas máis internacionais e queridas. Os donostiarras, que se atopan en proceso de composición do seu próximo álbum, prometen ofrecer un show moi especial en forma de percorrido por toda a súa traxectoria, que xa supera os vinte e cinco anos, e que nos regalou hits e clásicos que xa forman parte da historia musical do noso país. Ademais, Álvaro de Luna tamén se estreará no noso festival, presentando “UNO”, o seu novo disco publicado o pasado setembro, e avalado polo éxito de grandes cancións como ” “Todo Contigo”, “Portarse Mal” ou o seu primeiro hit en solitario, “Juramento eterno de Sal”. As cancións frescas estarán garantidas grazas a La La Love You, que acaban de rebentar o Wizink Center en Madrid e xa comezan a presentar os temas do seu novo álbum, e Anabel Lee, coa súa mestura de punk británico, noise, new wave e punk rock. A proposta do luns completarana a enerxía de Sexy Zebras, coñecidos dabondo xa en salas e festivais de todo o país polos seus potentes e explosivos directos, o bo rollo de Morochos, que estrearán o seu segundo disco, “De dónde vengo”, enchendo Bueu de boas vibras fusionando flamenco e reggae cunha guitarra e un caixón, e a proposta electro pop de Sabela que presentará as cancións do seu disco “Ceniza”. 

O venres 2 de agosto temos o pracer de recibir por primeira vez na vila aRozalén, que presentará sobre o escenario do SonRías temas dos seus cinco discos de estudo e tamén de “El abrazo”, o seu novo e esperado traballo que verá a luz a finais do mes que vén, nunha proposta que rende sempre homenaxe ao folclore e á música tradicional. Desde Holanda aterraránChef’Special coa súa mestura de rock, hip-hop e reggae para facer do seu concerto unha festa, e Travis Birds debullará o seu último álbum “Perro Deseo”, onde nos presenta o seu universo único a través de todas as pulsións, sentimentos, aspiracións e ilusións que conforman a súa identidade e imaxinario. A representación galega do día correrá a cargo de Fillas de Cassandra e o seu hipnótico show “Últimas Dionisíacas”, e os ritmos latinos e de raíz unidos ao urbano actual serán responsabilidade de Muerdo, que fará repaso por un repertorio que inclúe temas clásicos como “Semillas”, “Lejos de la ciudad”, “Vas a encontrarte” ou “Llegué hasta ti”. Pola súa banda, La Élite prometen unha boa dose de irreverencia e descaro unidas a letras acedas e divertidas, Gilipojazz deleitarannos co seu mix de estilos como o funk, o rock progresivo, o metal e a música clásica, e un ano máis contaremos conCool Nenas e a súa particular rave coreografiada que revolucionou o concepto de dj set. 

E para finalizar, na última xornada contaremos cun dos buques insignia da música galega: Tanxugueiras volven ao festival nun momento doce tras o seu paso fai dúas edicións e avaladas polo seu recente sold out histórico no Coliseum da Coruña, onde reuniron a máis de 9.000 persoas para poñer o broche de ouro á súa extensa e exitosa Xira Midas. Tamén teremos o privilexio de ser testemuñas da última actuación de Rayden en Galicia. No show do madrileño non faltarán os seus grandes clásicos e tamén presentará “La Victoria Imposible”, o seu sétimo álbum en solitario, todo iso acompañado dun directo cunha banda explosiva que sorprende alá por onde pisa, e Ginebras demostrarán por que son unha das bandas con mais proxección dos últimos anos grazas aos seus temas indie pop con selo propio e as súas letras autobiográficas contadas con moito humor. Emlan traerá a Bueu o seu pop rock de letras con fondo optimista e esperanzador, e o bo rollo continuará grazas a Mr. Kilombo e a súa posta en escena interactiva apoiada por pegadizos temas de letras coidadas con mimo e sutileza, incluíndo os singles do seu novo disco, “Todo este caos”, estreado hai apenas dous meses. Para pechar este último día de festival, Mondra achegará o folk festivo e revolucionario do seu performance “Folía dás ardentes”, The Rapants presentarán o seu terceiro álbum, “La Máquina del buen rollo”, infestado de melodías de herdanza disco, rock e mesmo hip hop, e Inés Hernand ofrecerá un dj set cunha selección de temas que combinarán o bo rollo e a enerxía á que sempre nos ten afeitos nas súas aparicións. 

X