As cantareiras volven ás táboas o vindeiro sábado 15 de maio, nunha sesión coa Xabi Aburruzaga Band e convidados no Teatro Campos Elíseos

Daniel Piñeiro, Ailá, Esther F. Carrodeguas, JazzWoman e SonDaRúa son as figuras convidadas deste mes na iniciativa virtual Mira unha cousiña…, que se emite todos os luns a partir das 21.00 horas na web e Facebook do grupo

Xa está dispoñible no Spotify o tema Telo, creado polas cantareiras como banda sonora do proxecto Films from Galicia da Agadic

“Aí vén o maio” e, para Tanxugueiras, chega ateigado de actividade. O regreso aos escenarios, a confirmación da súa presenza no festival TerraCeo de Vigo, estreas nas plataformas dixitais e novas conversas virtuais do Mira unha cousiña…, completan unha axenda fiada pola música desde múltiples expresións e puntos de vista.

A primeira cita ao vivo de Tanxugueiras co público nesta primavera, antes da súa participación nunha nova edición do festival vigués Terraceo, chegará o sábado 15 de maio. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro regresarán a Euskadi para acompañar a Xabi Aburruzaga nun concerto especial e dinámico, no que o coñecido trikitilari, cunha formación big band, presentará o seu quinto traballo discográfico, Bost. Na cita, que terá lugar no Teatro Campos Elíseos de Bilbao, Aburruzaga tamén recuperará temas de anteriores discos.

Ademais, maio chega con cinco novas citas virtuais de Mira unha cousiña…, a iniciativa que se emite todos os luns, a partir das 21.00 horas, a través da páxina web do grupo (www.tanxugueiras.com) e do seu perfil en Facebook (www.facebook.com/tanxugueiras). As cantareiras abrirán o mes cunha conversa que pon o foco na distrofia muscular de Duchenne, unha enfermidade neuromuscular dexenerativa que se diagnostica na infancia e que supón unha debilidade muscular progresiva que limita tanto a autonomía como os anos de vida das persoas afectadas. Tanxugueiras achegarase a ela a través de Daniel Piñeiro, un rapaz de Bueu que tenta superar, a través da música e do debuxo, as limitacións propias dunha enfermidade que afecta a 1 de cada 5.000 nenas e nenos e para a que, a día de hoxe, non hai cura. Daniel, que toca varios instrumentos de vento, presentará o proxecto Mentes Diversas, un espazo dixital que abriu na súa canle de Twitch e no que pretende amosar ao mundo as reflexións e iniciativas das persoas con diversidade funcional.

O luns 10 o protagonismo será do mundo tradi. A banda Ailá, conformada por Ángela Carou, Xan Pampín, Manuele Pardo e Abel Gañete, participará no Mira unha cousiña… para falar coas pandeireteiras da súa visión arredor do baile e da música de tradición oral, á que pretenden dar un aire festivo no seu primeiro traballo discográfico, tamén nomeado Ailá. De cara á semana seguinte, coincidindo co Día das Letras Galegas, Tanxugueiras conversará cunha figura da escrita galega. A dramaturga Esther F. Carrodeguas, autora de pezas de teatro como #Camiños ou a recentemente estreada Las dos en punto, a adaptación ao castelán da súa peza sobre As Marías (Voaxa e Carmín), será a convidada, Con ela tamén falarán da súa creación 32m2, cuxa música orixinal asina Rodrigo Cuevas.

Finalmente, as últimas dúas semanas do mes de maio, as cantareiras achegaranse a estilos de música máis modernos e urbanos. O día 24, a rapeira valenciana JazzWoman, que vén de gañar o Premio Enderrock 2021 ao Mellor Disco de Músicas Urbanas por Maléfica, dará a coñecer o seu single Renovant la vida e avanzará as súas novidades para este ano. Por último, o trío de hiphop galego SonDaRúa, que coincidiu con Tanxugueiras en gravacións de temas como Cultura Crítica, pechará as conversas deste mes o luns 31. A banda, formada por Hugo Guezeta, Álex Arnoso e That Bass, falará do seu LP Eterno Combate e do panorama musical galego dos vindeiros meses.

TELO, XA DISPOÑIBLE NO SPOTIFY 

Desde o luns 26 de abril está dispoñible no Spotify de Tanxugueiras o tema Telo, creado polo grupo como banda sonora do vídeo promocional Films from Galicia, da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), a iniciativa para dar a coñecer os proxectos e traballos audiovisuais que se realizan en Galicia. O tema, estreado o pasado 10 de abril na Gala dos Premios Mestre Mateo, conta coa colaboración do compostelán Dj Mil e de Iago Pico (Pouland Studios)

X