LAMONTAGNE & PICOAMPERIO

Sons futuristas e tecnolóxicos que traen a tradición de volta ao presente a través de bases de trip hop, moito flow e tintes de contracultura

Alí onde se fusionen a vangarda e a tradición atlántica estará sempre o punto de encontro deste dúo, capaz de establecer pontes coa tradición traéndoa de volta ao presente a través de sons futuristas e tecnolóxicos.

Conseguindo coa voz de LaMontagne e os loops de PicoAmperio que a xente se teletransporte a un universo híbrido, único, hipnótico e absolutamente magnético, a banda presenta no seu primeiro disco, “Algo que sinalar”, unha aventura libre de ataduras. A xeito de matrioska, o público atopará nel cancións con moitas capas que se abrirán antes os seus ollos: rebeldes na estrutura pero nas que se pode ver unha parte intimista, tintes de dozura e alegría, moita enerxía e tamén un pouco de melancolía. 

Temas como a búsqueda da identidade (“Eu vexo”), a celebración do comezo dunha nova aventura (“Avelaneiras Floridash”), a importancia do aprendido polo camiño antes de chegar a un obxectivo final (“Porque no mundo”), a tristeza infinita (“Ondas do mar de Vigo”), ou o agradecemento á vida (“40TENA”) son algunhas das sensacións a experimentar e paradas que se poderán facer neste primeiro traballo da banda, que se compón de oito cancións compostas e producidas por LaMontagne & PicoAmperio.

Son auténtico trip hop pasado por unha forte impronta urbana e contemporánea. O eterno loop do son atlántico.

Traxectoria:

Dende que LaMontagne (Lugo, 1993) e PicoAmperio (Os Tilos, 1995) comezaron xuntos a súa andaina no 2019 xa levaron a súa personalísima proposta ata eventos de prestixio coma os ciclos MUBEA, o MMVV, o ciclo Vangal o a Monkey Week. Ademais, foron recoñecidos co Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de “músicas urbanas” e acadaron o primeiro posto nas listas demoscópicas 2019 de Mondosonoro. O seu recente encargo como protagonistas do concerto oficial do Día das Letras Galegas de 2021, dedicado á poeta Xela Arias, e súa recente presenza en festivais coma o BAM, Cantos na Maré, Periferias, Sinsal, Revenidas ou a súa actuación ante 40.000 persoas en Castrelos (Vigo) só dan boa mostra de que a súa imparable expansión é unha viaxe sen retorno que xa comezou.