#CulturaSegura
A industria musical buscou o xeito de reformular o seu xeito de traballar nestes meses para poder volver celebrar concertos, eventos e actividades. A raíz disto xorden diversas consideracións que dende Festivais de Galicia nos gustaría destacar:
- Varios asociados de Festivais de Galicia e profesionais da industria musical galega conseguiron celebrar eventos totalmente seguros contando coa complicidade de público, patrocinadores, artistas e administracións. Isto demostra que SI que é posible programar eventos totalmente seguros nesta extraordinaria situación.
- En ningún dos festivais celebrados ata agora en Galicia tivo lugar o desencadeamento dun brote do virus ou o inicio dunha situación de risco descontrolado. As medidas de seguridade nos nosos eventos son o primeiro que se tivo en conta para a reconfiguración das actividades culturais.
- Son moitos os postos de traballo directos e indirectos que xera a industria musical en Galicia. Ademais, cada festival que se pon en marcha activa unha cadea de valor humana, comunicativa, económica e social que se traduce en enormes beneficios para o territorio no que se desenvolve.
- A recuperación e reactivación total do sector musical é responsabilidade tanto das administracións públicas coma do sector privado, por iso apelamos ao diálogo e á cooperación. Os promotores e programadores do país reformularon rapidamente o seu traballo ante esta nova situación mundial, ofrecendo unha alternativa segura, atractiva e comprometida co entorno.
- A Asociación de Festivais desexa reclamar prudencia ás administracións á hora de tomar certas decisions xa que a estigmatización dun sector como o noso que vive da confianza do público sería nefasto para a súa recuperación.
- Do mesmo xeito, a Asociación Festivais de Galicia reclama que se teña en conta que os profesionais do sector privado están cumprindo as normas escrupulosamente, malia que por parte da administración unicamente se lles está poñendo trabas ao desenvolvemento do seu traballo.