Este domingo, 26 de xullo, as festas do Apóstolo acolle unha nova edición do TradFest, o festival organizado por La Voz de Galicia, no que a tradición e a vangarda se xuntan para ofrecer unha proposta musical diversa e de calidade en varios espazos da cidade. Serán ata 20 propostas diferentes, entre as que destaca o concerto na Quintana de Tanxugueiras e Ailá ou a actuación conxunta da Banda Municipal e de Suso Vaamonde.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou esta nova edición do TradFest, do que destacou “a súa capacidade para ser distinto cada ano”, algo que neste 2020 non quedou máis remedio que levar ao extremo debido á Covid-19. Acompañaron ao edil na rolda de prensa o director de Agadic, Jacobo Sutil; Víctor Belho, de Nordesía, e Sabela Maneiro, integrante de Tanxugueiras.

As propostas do TradFest distribuiranse en catro espazos principais: a praza da Quintana, o parque de Bonaval, a igrexa de Bonaval e as rúas de Compostela. Así, o festival arrincará na Quintana (12:30 h) cun concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, que nesta ocasión contará coa colaboración de Suso Vaamonde exercendo como músico narrador.

Tamén na Quintana, a partir das 21:00 h, subirán ao escenario Ailá e Tanxugueiras. Ailá é un novo grupo compostelán que neste Apóstolo presentará en primicia o que será o seu primeiro traballo discográfico. E tras eles, e para pechar o festival, Tanxugueiras, no que será o seu primeiro concerto tras o confinamento. Presentarán ante o público compostelán o seu segundo traballo, Contrapunto.

X