O aftermovie de SonRías Baixas 2025 xa está aquí!
Algo máis de tres semanas despois da súa celebración, xa podemos lembrar os mellores momentos dunha nova edición para a lembranza..
Ao longo dos seus tres minutos e a ritmo de La Raíz, podemos volver vivir algúns dos mellores instantes que gozamos este ano: desde fragmentos dunha trintena de grandes actuacións de bandas e artistas que formaron parte do cartel, ao ambiente inmellorable que reinou no recinto e en toda a vila durante a celebración do mesmo.
Nesta edición número 22 o festival bateu todos os récords de asistencia, conseguindo reunir no recinto de As Lagoas durante as súas catro xornadas a máis de 33.000 asistentes, continuando así co crecemento xa experimentado durante os anos anteriores e dando un novo paso na súa consolidación como unha das citas imperdibles do verán musical na Península de Morrazo e en toda Galicia.
Este crecemento fíxose patente no impacto económico que o festival deixou na zona, que ascende a 3,1 millóns de euros, xerando 1000 empregos directos e contando con empresas de proximidade para favorecer o emprego no territorio co fin de poñer en valor produtos de km 0.
Sorrías Baixas é un festival promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademais, co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker, e Los40 como emisora oficial.
