A banda de rap metal Vimbio e o rapeiro Hugo Guezeta unen forzaspara publicar Crise, o seu novo sinxelo en colaboración que fai lembrar á mítica banda de rap SonDaRúa. Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, e Hugo Guezeta xúntanse de novo tras o lanzamento de Dispara, sinxelo pertencente ao último disco de Hugo, reunindo así unha vez máis ao histórico grupo de rap que marcou a toda unha xeración, SonDaRúa. Cunha forte carga de crítica social na letra e sons que mesturan o hardcore e o rap, apostan por dar peso á base instrumental, afastando un pouco os beats electrónicos e dándolle unha forza que se trasladará aos directos.
Crise bebe de referencias como a banda de punk, hardcore e rap Bob Vylan. A aposta de Vimbio de optar por sons máis contundentes neste tema bebe precisamente de ir a un dos concertos da banda londinense. O grupo preparou os primeiros bosquexos de riffs de guitarras que lle presentaron a Hugo e cando se xuntaron a temática saíu de inmediato, dando por resultado esta oda a SonDaRúa en forma de activar a fibra da rabia para espertar como sociedade contra as inxustizas que estamos a vivir.
Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, destaca que volver traballar con Hugo é sempre un pracer, e aclara que pese a ter collido camiños diferentes segue sendo moi cómodo construír á par. Aínda que SonDaRúa botase a cancela fai anos, Álex sinte que a unión segue patente en cada colaboración que fan xuntos, como se realmente só levasen un par de meses de descanso do seu proxecto conxunto.
Pola súa parte, Hugo Guezeta destaca o gratificante que foi tamén volver facer música con Álex, neste caso acompañado do seu grupo. O rapeiro sinalou tamén que o tema supuxo un reto creativo para el, ao facelo nun rexistro diferente ao que acostuma, cunha instrumental máis escura e con inspiración hardcore, pero quedou moi contento co resultado final, coa forza e enerxía que ten a canción e a mensaxe que transmite.
Este novo sinxelo ve a luz da man dunvideoclip dirixido por IzanMG, autor entre moitos outros do videoclip de Eu non quero traballar, outro dos adiantos do futuro traballo discográfico de Vimbio. Gravado na Escola Audiovisual de Vigo, apostan por un produto sinxelo pero visualmente potente, mesturando fortes imaxes de protestas e disturbios con planos de Hugo e Álex.
