O ARTISTA BUEUENSE VÉN DE VIRALIZAR O SEU ÚLTIMO LANZAMENTO, SENDO UNHA REVOLUCIÓN EN REDES SOCIAIS E PLATAFORMAS
ESTE NOVO SINXELO ACTÚA COMO SEGUNDO ADIANTO DO QUE SERÁ O SEU PRÓXIMO EP

Coa recente viralización do seu anterior tema, Milajros de Amil, o artista urbano Silee volta para falar sobre o mal augurio en Bruxa Curuxa, o seu novo sinxelo. O de Bueu escolle un ton máis reflexivo para combater os malos presaxios. No momento vital no que se atopa, onde ve como se lle abre a posibilidade de acadar os seus soños, que pasan por facer medrar a súa carreira musical, o de Bueu expón nesta bachata con elementos de funk brasileiro o seu medo a que pasen cousas malas mentres están a suceder moitas outras boas.
Bruxa Curuxa é o segundo adianto do que será o seu próximo EP, previsto para este ano. Nel, contrapón a figura da curuxa e da bruxa, ave e figura mitolóxica asociadas co mal augurio. Nesta ocasión, outórgalle cualidades bondadosas á bruxa, á que lle canta para que lle axude a espantar eses presaxios negativos.
O tema vén acompañado dun videoclip dirixido por Juan Gómez e gravado en Vigo, que busca contrapoñer as sensacións sonoras da canción coas visuais da peza. Mentres o son representa a calidez e a luz, as imaxes son frías e escuras, achegando unha visión chea de contrastes para este segundo adianto.
O lanzamento deste tema coincide co anuncio da súa fichaxe polo roster de PlayPlan, axencia de management de artistas ao fronte de diferentes carreiras musicais como a de Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio, sendo tamén a promotora musical ao cargo da xestión de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest e Festival do Pasatempo. Desta maneira, o artista e a empresa de Bueu buscan posicionar o proxecto de Silee nun novo escalón tanto para el como para o xénero urbano galego.

MÁIS SOBRE SILEE
O cantante galego Silee é unha das grandes sensacións do momento no panorama musical urbano. Artífice dunha das cancións máis virais do 2026 en galego, Milajros de Amil, o bueuense transita de maneira ecléctica e con naturalidade por xéneros como a bachata ou a cumbia entre outros, mesturando e renovando estes estilos nunha proposta que xa está a revolucionar as redes sociais, conectando con novas xeracións de ouvintes.
A súa frescura musical está a causar sensación dentro dun xénero inmerso nun momento de grande auxe neste ano, emerxendo como unha das figuras máis destacadas do mesmo. Cun forte arraigo á súa terra, o de Bueu busca deixar pegada afastado das grandes urbes, traballando por volver situar á súa vila e a Galicia no mapa musical actual.
Con xa dous EPs e un álbum publicados dende os seus comezos en 2023, Silee está inmerso na preparación dun novo traballo discográfico en galego que verá a luz este mesmo ano, e no que Milajros de Amil é a súa carta de presentación. Este novo sinxelo foi unha das grandes sensacións da música en galego no comezo de ano, chegando a acadar máis de cen mil escoitas en dúas semanas. A viralidade deste primeiro adianto foi tal que antes de lanzarse en plataformas o tema xa aparecía en centos de vídeos de distintas redes sociais.
O espírito inquedo e a creatividade do artista galego levárono a autoproducir os seus temas, do mesmo xeito que os seus videoclips, reafirmando o seu estatus como artista multidisciplinar. Cos focos postos nel tras a grande repercusión acadada neste ano, o artista traballa para elevar o seu proxecto e talento cara a novas cotas.