As cantareiras actúan hoxe en Cartagena, na 26ª edición do Festival La Mar de Músicas, cuxas entradas se esgotaron á hora de saír á venda.

Tanxugueiras segue a sumar novas datas na súa lista de directos para esta tempada. As cantareiras son a nova confirmación da Fira Mediterrànea de Manresa, unha das grandes feiras da música de raíz. O anuncio chega o mesmo día no que as pandereiteiras actúan na 26ª edición do mítico festival La Mar de Músicas, no que comparten cartel, esta xornada, con Rodrigo Cuevas ou Rufus Wainwright. As entradas para escoitar a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro esgotáronse á hora de saír á venda, o que dá conta do interese que o trío está a xerar noutros puntos da península.

Ademais destas actuacións, Tanxugueiras continúa a espallar a Xira Contrapunto (a presentación ao vivo do seu segundo disco) por todo o territorio galego. O vindeiro domingo 25, o grupo actuará nas festas de Moraña; mentres que o día 31 estará na Feira de Artesanía de Mondariz (Pontevedra). De cara ao mes de agosto, as cantareiras visitarán Mazaricos o sábado 7, Vigo (Festival Terraceo, no Auditorio Mar de Vigo, no que actuarán con Kiko Veneno) o xoves 19 ou Noia (na Praza do Tapal) o martes 24.

No mes de setembro, o día 5, terá lugar en Carballo o concerto do Orballo Cultural adiado o pasado mes de xuño; mentres que o xoves 9 chegarán a Vilaxoán como unha das bandasque forman parte do cartel do Festival Revenidas e, xa o venres 10, estarán en Pontedeume.

Todas as datas e actuacións de Tanxugueiras pódense seguir a través da web oficial do trío, www.tanxugueiras.gal, ou nos seus perfís oficiais nas redes sociais Twitter, Facebook e Instagram.