As pandeireteiras publican na medianoite de San Xoán, a noite meiga,outro avance do seu terceiro disco, que verá a luz o 29 de xullo“Que a xente siga falando / pouco a pouco vou collendo / todo o que fun sementando”, canta enerxicamente Tanxugueiras no tema, cuxo videoclip se poderá ver esta noite, a partir das 00.00 horas, na canle de Youtube do grupo.
Tanxugueiras celebra San Xoán coa publicación, ás 00.00 horas, do seu novo tema, ‘Seghadoras’. A canción, que estará dispoñible a partir desa hora en todas asplataformas dixitais, acompáñase dun sinxelo e potente videoclip no que as propias cantareiras son protagonistas e que se poderá ver, desde a medianoite, na súa canle de Youtube.
“Sega, miña terra, sega”, canta con coraxe Tanxugueiras nun tema no que o trío, para abordar un dos temas fundamentais do seu discurso, o apoderamentofeminino, emprega como metáfora un ritual tradicional do rural como é o labor das segadoras: mulleres que collen a fouce afiada e, con forza, rozan para deixar medrar novamente a herba. Un símil que as pandeireteiras asocian tamén coa propia tradición do San Xoán: o lume que purifica para deixar atrás todo aquelo que non permite avanzar e dar unha cálida benvida ao que veña.
Porque, ao cabo, ‘Seghadoras’ fala da toma de conciencia e da confianza nunha mesma. Fala de coller o fouciño e abandonar os discursos de odio, a hostilidade e as voces interesadas. Limpar para ser dona dunha mesma, da súa vida, do seu proxecto. Se ‘Desidia’ é un canto ao autocoidado, ‘Seghadoras’ non deixa o amor propio atrás: “Que a xente siga falando / pouco a pouco vou collendo / todo o que fun sementando”,pregoan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro neste novo tema.
“Cada día estamos máis convencidas de falar e cantar sobre o necesario que é ter voz propia e rachar con todo aquelo que non che fai ben. De apostar por ti para avanzar no teu camiño. De ser consciente de quen es e de que as decisións son túas”, explican. “Ter a forza e a coraxe para desprenderte do que non suma ás veces non é sinxelo, pero somos quen de facelo. E iso é ‘Seghadoras’: ser capaz de ter ferramentas e forza para cortar con todo iso e abrir camiños para a vida. É tamén é unha homenaxe á terra, as nais, ás mulleres que nos pariron e ao apoderamento”, apuntan as pandeireteiras.
O tema, que formará parte do terceiro disco de Tanxugueiras, preséntase cun videoclip dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e producido por PlayPlan Cultural, o tándem habitual no desenvolvemento dos traballos audiovisuais das cantareiras. A peza conta con Olaia, Aida e Sabela de protagonistas e, desta quenda, suma a presenza dos músicos que acompañan ao trío na súa Xira Midas: o co–produtor Iago Pico (percusión electrónica) e Isaac Palacín (percusión tradicional).
PREVENDA DO NOVO DISCO
Desde o pasado 17 de xuño xa está dispoñible a prevenda do terceiro disco de Tanxugueiras, que se publicará o 29 de xullo, e que contará con temas como ‘Seghadoras’, ‘Desidia’, ‘Pano Corado’, ‘Averno’, ‘Terra’, ‘Figa’ ou ‘Midas’. Pódese acceder á reserva do álbum a través do propio espazo web de Tanxugueiras, www.tanxugueiras.gal, ou mesmo da Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir o tanxumono” mentres que o álbum non chega.
Operación financiada pola Unión Europea, a través de FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER), como parte da resposta da Unión á pandemia do COVID-19