O primeiro convidado deste mes de xullo na iniciativa Mira unha cousiña…., que se emiten todos os martes ás 21.00 horas a través das redes sociais das pandereteiras, será o artesán Roberto Carlos Pérez ‘O Reberete’.
Tanxugueiras prepara o seu regreso aos escenarios. Nos vindeiros días, o grupo conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dará a coñecer as primeiras citas nas que se reecontrarán, ao vivo, co público. Este verán, a música e as voces das cantareiras volverán soar coa forza e a alegría que as caracteriza sobre as táboas a ceo aberto e auditorios de distintas vilas de Galicia.
Mentres tanto, e para caldear o ánimo do respetable, o trío segue a expandir a súa ollada trad polo mundo virtual a través da iniciativa Mira unha cousiña…, a serie de conversas na rede coa que pretenden achegar ao público aquelas propostas que lles suscitan interese e que queren dar a coñecer da man de artistas e persoeiros do ámbito da cultura e do lecer. De cara a este mes de xullo, o músico Xabi Aburruzaga, a actriz María Vázquez, a cantante Ana Díaz e o artesán O Reberete serán as catro figuras convidadas da proposta, cuxa primeira cita terá lugar mañá mesmo.
O primeiro convidado (martes 7) será Roberto Carlos Pérez, artesán e músico tradicional comunmente coñecido coma O Reberete. O seu obradoiro sufriu recentemente un incendio e, co obxectivo de poder reconstruír o espazo, O Reberete puxo en marcha unha campaña de micromecenado coa idea de poder iniciar a súa actividade creativa á maior brevidade posible. A acción, que rematará en 20 días, pódese coñecer a través do enlace https://www.verkami.com/locale/gl/projects/27153-obradoiro-de-artesania-de-intrumentos-musicais-o-reberete
Á semana seguinte, o día 14, a cantante Ana Díaz, residente en Bélxica, achegará as súas novidades discográficas, entre as que se atopa o seu tema Les fleurs, dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=Wf78r5r_RlE. De cara ao martes 21, Tanxugueiras conversará coa actriz María Vázquez, protagonista de filmes como Trote ou Quen a ferro mata, película coa que gañou este ano o Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina. Finalmente, o día 28 deste mes será a quenda do músico e compositor Xabi Aburruzaga, con quen o trío compartiu escenarios e gravacións. É o caso do último traballo do trikitilari, Bost (2019), no que se adentra no universo folk vasco.
Mira unha cousiña… emítese todos os martes ás 21.00 horas a través da canle de Youtube de Tanxugueiras (https://www.youtube.com/tanxugueiras), da súa páxina oficial do grupo en Facebook (www.facebook.com/tanxugueiras) e tamén a través do seu perfil de Instagram (www.instagram.com/tanxugueiras). Desde esta ventá, o grupo achegarase a iniciativas que resulten singulares e novidosas ou que suscitan interese a ollos das pandereteiras. Durante os encontros, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro conformarán, da man das convidadas, unha selección musical que o público poderá escoitar, posteriormente, en plataformas dixitais.