O grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir os síntomas do tanxumono” ata que o terceiro disco, xa dispoñible en prevenda, chegue ás súas mans .
O vindeiro venres 24 de xuño, na noite de San Xoán, as pandeireteiras publicarán ás 00.00 horas en todas as plataformas dixitais o seu novo sinxelo, ‘Seghadoras’ .
Tanxugueiras xa ten data de lanzamento do seu terceiro disco: o venres 29 de xullo. As pandeireteiras revelan así unha das preguntas máis recurrentes pola súa comunidade de fans, que nos últimos meses tiveron ocasión de escoitar, paseniño, algúns dos sinxelos que formarán parte do mesmo, como ‘Desidia’, ‘Pano Corado’, Averno’, ‘Figa’, ‘Midas’ ou ‘Terra’. O novo álbum, que as cantareiras están a avanzar nos directos da súa espectacular Xira Midas, terá a súa presentación oficial nun festival: será o sábado 6 de agosto no marco do SonRías Baixas (Bueu).
No marco deste anuncio, o grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, a campaña de prevenda deste terceiro disco e no que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro animan ao público a reservar e apoiar o seu novo traballo discográfico. “Non temos a portada, non temos o nome do disco e, como sigamos así, non imos ter vergoña. Pero se cres que somos un investimento máis seguro que as criptomoedas, xa podes apoiarnos coa prevenda do disco”, sinalan as músicas.
A plataforma é, ademais, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir o tanxumono” mentres que o álbum non chega. “Entre os síntomas máis comúns do tanxumono”, segundo sinalan Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, inclúese “o tembleque pandeireteiro nunha das mans ou aturuxar máis de tres veces ao día sen motivo aparente”.
A Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, que se pode visitar no espazo web www.tanxuafectadxs.gal, inclúe vídeos con declaracións de afectadas que están a experimentar no seu día a día esta sintomatoloxía. É o caso dunha avoa, dun DJ e xornalista (Carlos Crespo), das ocas de Olaia ou mesmo de Laura, responsable de merchandising de Tanxugueiras. O acceso á prevenda do disco está dispoñible desde a propia páxina web da plataforma ou https://www.lacasadeldisco.es/tanxugueiras-cd-.html
Novo sinxelo na noite de San Xoán
A noite meiga é unha data moi sinalada en Galicia. Tanxugueiras quere celebrar este San Xoán presentando un novo tema para “dar a benvida ao novo, ao lume purificador e deixar atrás malos recordos e cargas innecesarias”. Así, o vindeiro venres 24, a partir das 00.00 horas, Tanxugueiras publicará en todas as plataformas dixitais o sinxelo ‘Seghadoras’, tema que se acompañará dun videoclip que terá, de novo, a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro como protagonistas.
Ao longo desde 2022, o grupo deu a coñecer algunhas das súas creacións que estarán presentes neste terceiro álbum. É o caso das recentemente lanzadas ‘Desidia’ ou ‘Pano Corado’, ademais das xa coñecidas ‘Averno’ (que conta coa colaboración de Rayden), ‘Midas’, ‘Figa’ ou ‘Terra’, temas que suman millóns de reproducións e visualizacións nas plataformas.
Operación financiada pola Unión Europea, a través de FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER), como parte da resposta da Unión á pandemia do COVID-19