O tema, acompañado cinematográfico videoclip, formará parte do novo disco das pandeireteiras, que se publicará neste 2022  

  

O grupo anuncia unha nova parada da súa nova Xira Midas, que terá lugar o 1 de xullo no Festival Río Babel, en Madrid, e no que comparte cartel con C. Tangana, Residente, Rayden e Dani Martín  

Tanxugueiras publicará Averno, o seu novo sinxelo, o venres 28 de xaneiro. O tema, que formará parte do seu novo disco, é a primeira colaboración que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro gravan co rapeiro madrileño Rayden, con quen participan esta semana na primeira edición do Benidorm Fest.  

  

Averno nace como unha declaración de intencións respecto a un sentimento común: a raiba. A expresión e liberación da mesma é o eixe que vertebra unha canción na que, como é habitual no repertorio das Tanxugueiras, parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo; ademais de conxugar lírica de creación propia e popular.  

  

O tema, editado por PlayPlan Cultural e Calaverita Records, publicarase na medianoite do venres 28 nas principais plataformas dixitais acompañado dun videoclip dirixido por Trece Amarillo, e que supón a creación audiovisual máis cinematográfica das presentadas até o momento polas cantareiras. O vídeo, cuxo teaser amosou o grupo nesta xornada a través das redes sociais, estrearase logo da finalización da segunda semifinal do Benidorm Fest.   

  

Precisamente Tanxugueiras e Rayden atópanse esta semana na localidade alicantina para participar na primeira edición do certame organizado por RTVE, no que a banda ou artista gañadora participará no mes de maio en Eurovisión. Mentres que as pandeireteiras presentarán ao vivo Terra na noite do mércores 26 (22.40 horas, Palau d’Esports L’Illa de Benidorm), o madrileño actuará na segunda semifinal o xoves 27. A final terá lugar no mesmo recinto o sábado 29 de xaneiro.   

  

Coa intención de espallar o apoio a Tanxugueiras e dar a coñecer a súa candidatura, PlayPlan Cultural e Calaverita penduraron este luns 24 unha grande lona no centro de Madrid, na rúa Alcalá, coa foto das pandeireteiras. A faixa fai unha chiscadela ao público de fóra de Galicia sobre a correcta pronunciación do seu nome (Tanchungueiras?) á vez que destaca a frase Non hai fronteiras, unha das máis coñecidas do seu single Terra.   

  

 

Novas datas de directos na Xira Midas  

Nesta mesma xornada Tanxugueiras anunciou a través das súas redes sociais a súa incorporación ao cartel da nova edición do Festival Río Babel, que se celebrará do 1 ao 3 de xullo en Madrid. As cantareiras compartirán xornada de directos o venres 1 cunha das grandes sensacións musicais do momento, C. Tangana. Rayden, Residente e Dani Martín completan os primeiros nomes que se dan a coñecer da cita, cuxas entradas xa están á venda.   

  

A cita no Río Babel é a cuarta parada que Tanxugueiras dá a coñecer da súa xira Midas, que comezará o 26 de marzo na Coruña (Sala Pelícano) e o 1 de abril en Vigo (Hall do Auditorio Mar de Vigo), concertos nos que o público esgotou as entradas en menos de 10 horas. A terceira data será o Festival SanSan, en Benicàssim, que se celebrará do 14 ao 16 de abril.