As pandeireteiras presentarán na Sala Pelícano un espectáculo que aúna a enérxica sonoridade das pandeiretas coa electrónica, con especial protagonismo da voz

A xira, que xa conta con 34 datas confirmadas, levará por a música tradicional galega a festivais coma o SanSan, Río Babel, Cruïlla, SonRías Baixas, Pirineos Sur, La Lluna en Vers, Esférica Rioja Alavesa ou citas como as Festes de Primavera.

A nova e agardada xira das Tanxugueiras está a piques de comezar. O vindeiro sábado, 26 de marzo, A Coruña vivirá unha auténica foliada, pois acollerá a estrea da Xira Midas, a serie de directos cos que as pandeireteiras percorrerán a península ibérica e as illas Baleares para dar a coñecer o seu terceiro e novo traballo discográfico, que verá a luz este ano. 

  

Potencia, tradición, modernidade. Así definen Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro o seu directo da Xira Midas, que combina a enérxica sonoridade das pandeiretas coa electrónica, o trap ou os cantos máis íntimos. A percusión, os ritmos urbanos, o baile tradicional e a voz, coma especial protagonista, formarán parte dun espectáculo definido e contundente no que soarán Midas, Figa, Terra, ou Averno.  

  

Sobre o escenario da Sala Pelícano estará o trío de pandeireteiras na súa esencia: tres mulleres empoderadas que cantan á liberdade, á diversidade, ao recoñecemento das identidades. Estarán acompañadas polas percusións tradicionais de Isaac Palacín e a electrónica de Iago Pico, co-produtor dos últimos lanzamentos das cantareiras. Estes singles, igual que outros temas inéditos que se presentarán no terceiro álbum de estudio, soarán en cada directo da Xira Midas, na que tampouco faltarán algúns dos seus éxitos.   
 

Xira Midas: 34 datas confirmadas  

  

A Coruña será a primeira parada da Xira Midas, da que xa están confirmadas 34 datas, e ás que se sumarán anuncios de novos concertos nos vindeiros días. Logo da estrea na cidade herculina, a semana que vén as cantareiras visitarán o Auditorio Mar de Vigo, cita para a que tampouco quedan entradas dispoñibles. Coma no caso da Coruña, os tickets voaron en tan só 10 horas.  

   

A Xira Midas destaca por marcar un fito para a música tradicional galega, como é levar as músicas de raíz e a pandeireta a grandes escenarios de toda a península. Así, Tanxugueiras actuará en citas como o Zeid Fest (Bizkaia), SanSan (Benicàssim), Festes de Primavera (L’Hospitalet), Conexión Valladolid, Río Babel (Madrid), Cruïlla (Barcelona), Feslloc (Castelló), Pirineos Sur (Huesca), SonRías Baixas (Bueu), Porta Ferrada (Girona), Noches de Contrebia (Navarra), Esférica Rioja Alavesa ou BioRitme (Barcelona), entre outras.  

  

Ademais, Tanxugueiras celebrará numerosos concertos para o público galego. Nos próximos meses, Aida, Olaia e Sabela actuarán no Pazo de Cultura de Narón, na Foliada de Melide, en Festival Cocidos do Camiño, no Ouren Sound Fest, no Arde Lvcvs, no Festival de Ortigueira, nas Festas do Albariño, no Revenidas ou mesmo no Canteira Fest. Nas vindeiras semanas o grupo confirmará novas actuacións a través das súas redes sociais.