Os premios Opinión da Música de Raíz cumpriron onte a súa décimo noveno edición, con máscaras, con medidas de seguridade e con fotos de familia cos membros separados, sen apertas nin máis parabéns que os das verbas, pero con aplausos e público, na que foi sempre a súa casa, o teatro Rosalía de Castro, e na web.

As primeiras premiadas da noite foron Tanxugueiras, polo seu tema Desposorio, na categoría de Mellor adaptación dunha peza tradicional, na que se impuxeron ao Alalá de Muxía, de Germán Díaz e Benxamín Otero, ao Van, de Fiandola, e á Xota do Norte, de Nelson Quinteiro e Brais González.

Sabela Maneiro agradeceu “ter chegado” até o intre de recoller o premio porque significa que dan “un pasiño máis” non só elas, senón tamén “a música tradicional” e a “fala”.