O grupo galego de música de raíz estreará a súa nova proposta sobre os escenarios, nos que se poderán escoitar en directo éxitos como Midas ou Figa
A Fira Mediterrània de Manresa acollerá o vindeiro sábado, 16 de outubro, a estrea do novo espectáculo do grupo galego do momento: Tanxugueiras. O trío que incrementa as revolucións da música tradicional visitará por vez primeira a feira catalá para estrear o seu novo show, unha proposta potente, sen corsés, que inclúe temas como os populares Midas ou Figa, algunhas das súas pezas máis coñecidas, como O querer, e outras cancións que aínda non se publicaron nas plataformas dixitais pero que formarán parte do seu terceiro disco, que verá a luz no primeiro semestre de 2022.
Desde a publicación do seu segundo álbum, Contrapunto (2019) -un traballo maduro, cheo de matices e renovador, no que as cantareiras propuxéronse explorar os límites das sonoridades de Galicia-, Tanxugueiras demostrou a súa impresionante potencia vocal e a súa capacidade de innovación á hora de incorporar sonoridades urbanas aos ritmos e letras da súa terra: cancións como Albedrío, Midas ou Telo son a proba.
O grupo, conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, bebe da tradición e celébraa. Desde a inmensa riqueza do patrimonio oral galego, transmitido polas mulleres de xeración en xeración, Tanxugueiras ten como meta levar a súa cultura e a súa lingua por escenarios do mundo enteiro, pero sen perder a referencia de ser portavoces dunha nova xeración de cantareiras.
Este 2021 as pandeireteiras actuaron en eventos por toda Galicia, e en cidades como Bilbao ou Cartaxena (La Mar de Músicas). Ademais, colaboraron con artistas da talla de Kiko Veneno, Rayden, Iván Ferreiro, Carlos Núñez, Rodrigo Cuevas, La Pegatina ou Roba Estesa, coas que cantan a recentemente estreada Ràbia; e foron aclamadas polos seguidores de Eurospain- Spain, no marco da súa enquisa “A elección interna”, como favoritas para representar a España en Eurovisión polo seu tema Figa.
Nas próximas semanas Aida, Olaia e Sabela visitarán Portugal ( EXIB Música 2021 de Setúbal e Womex de Porto) e Castelló ( Fira Trovam) e, nunhas semanas, celebrarán o concerto de fin de xira de Contrapunto, xusto cando se cumpren dous anos da súa presentación. Farano o 28 de novembro en Pontevedra e estarán acompañadas por grandes voces da escena galega.