
Esta mañá déronse a coñecer os finalistas dos Premios de la Academia da Música, asociación sen ánimo de lucro formada por artistas, autores, produtores, editores, managers, promotores e outros profesionais do sector co fin de estimular e proclamar a excelencia, a solidariedade, o talento, o traballo e o esforzo entre a comunidade musical do noso país.
Tanxugueiras (por segundo ano consecutivo), Caamaño&Ameixeiras e Sabela son finalistas na Categoría “Mellor canción en galego / asturiano / bable”, quedando así a lista final:
• A Nosa Verbena // ARTISTA: Ortiga
• Catro Cousas // ARTISTA: Caamaño&Ameixeiras, Rodrigo Cuevas
• Hi, My Love // ARTISTA: Sabela
• Pedindo Perdón // ARTISTA: Tanxugueiras
• Sísamo // ARTISTA: Baiuca (feat Antía Ameixeiras)
• Tes Que Ser De Aquí (Meigas) // ARTISTA: Miriam Rodríguez
Os II Premios da Academia da Música están formados por 43 categorías, con 223 nomeados en total e os seus gañadores desvelaranse nunha gran gala que terá lugar en Madrid a principios do mes de xuño.
MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS…
Tanxugueiras é o grupo que está a desafiar e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle unha nova vida. O grupo galego abriu de par en par as portas do resto de idiomas oficiais do estado no circuíto musical, cultivando éxitos, recoñecementos e gran visibilidade grazas á súa música. Seu é o mérito de manter viva a tradición, o idioma, o folclore e dotalo de novos significados, para levalos ante un público masivo e elevar o foco das distintas culturas e músicas que conviven dentro dun estado.
No seu haber contan con concertos masivos e históricos como o do Coliseum da Coruña, sendo o primeiro grupo en galego en alcanzar o fito de facer sold out no maior recinto pechado de concertos do noroeste do estado. Tamén os celebrados no Auditorio de Castrelos (40.000 asistentes) ou o da praia de Riazor no Festival Noroeste (80.000 persoas), considerado un dos concertos máis multitudinarios da historia en Galicia. O seu éxito transcende a música en directo, cun álbum, “Diluvio”, que acumula xa máis de 60 millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais e que alcanzou o número 1 de vendas en tendas físicas a semana do seu lanzamento.
O lanzamento de “Pedindo Perdón” ou as súas colaboracións xunto a Shinova, Andrés Suárez, Valeria Castro ou Hard GZ marcaron esta última etapa na que o grupo expandiu a súa influencia a novos fitos, entre os que destacan a súa participación en La Velada del Año, do recoñecido streamer Ibai, ante un Santiago Bernabéu cheo e millóns de espectadores na retransmisión en vivo; ou a interpretación do himno galego no estadio de Balaídos.
Tras un 2024 no que conquistaron grandes recintos ao longo do Estado, cun inicio de xira en Francia, Tanxugueiras segue agrandando o seu legado. O seu novo directo, englobado baixo a xira AntesD, conta co carácter máis dinámico e potente visto ata o de agora no grupo, nunha proposta contundente que as eleva á primeira liña da música estatal. Estas son as próximas datas:
31/05 · Festival Mulleres Creando (Villagarcía de Arosa)
11/07 · BIGSOUND Pontevedra
26/07 · Festival Intercéltico do Morrazo · Moaña (Pontevedra)
8/08· Festival da Carballeira de Zas (A Coruña)

MÁIS SOBRE CAAMAÑO&AMEIXEIRAS…
Caamaño&Ameixeiras resignifican a música e o baile de raíz axuntándoos con sons máis contemporáneos, expandindo así o seu talento aquí sen renunciar a conquistar moito máis alá das fronteiras galegas e reivindicando a súa posición como unha das propostas referentes da nova música tradicional galega. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, contan xa con grandes e numerosas actuacións, levando os seus directos por todo o país e tamén fóra das nosas fronteiras, visitando países europeos como Italia, Bélxica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria, sorprendendo sempre ao público co seu ousado espectáculo visual e artístico.
A inspiración para as súas composicións bebe do universo popular, sendo creadoras dunha atmosfera onde a realidade, a maxia e a relixión conflúen. Nestes últimos anos de carreira, a súa música mudou deses sons alegres e ese carácter colaborativo a un aspecto máis escuro e íntimo, alcanzando un éxito que as levou a alzarse cun Premio Martín Códax da Música na categoría de Folk, ademais de tocar en importantes festivais (Interceltique de Lorient, o Festival de Ortigueira, o Festival Tradicionàrius de Barcelona, o Revenidas ou o Osa do Mar). Actualmente son tamén finalistas de dúas categorías dos Premios MIN, correspondentes a Mellor artista emerxente e a Mellor Videoclip por “Catro cousas”, a súa colaboración con Rodrigo Cuevas.
Un dos grandes atractivos do grupo é a forte aposta polo seu directo. Cunha posta en escena sorprendente, moi traballada e ousada, Caamaño&Ameixeiras impactan ao público nas súas presentacións, propoñendo un espectáculo visual e artístico que reforza o seu xa potente directo.
Caamaño&Ameixeiras vén de presentar no 2024 o seu último traballo discográfico, “Quitar o aire” (2023), cunha xira que acumulou máis de 60 concertos e que chegou ata países como Austria, Portugal, Bélxica, Francia ou Países Baixos. Tras o éxito de “Catro Cousas” e “arderse”, tema que estrearon hoxe mesmo con Fillas de Cassandra, o grupo encara este 2025 mantendo o seu carácter internacional con novos concertos en Escocia, Francia e Portugal para estes primeiros meses de ano, e varias datas nacionais xunto a Xirando por Salas (GPS) ata o mes de maio. As próximas paradas son:
04/04 · Cité de la Musique · Marsella (Francia)
06/04 · Festival Détours de Babel · Grenoble (Francia)
11/04 · Lata de Zinc · OVIEDO GPS
12/04 · Café de las Artes · SANTANDER GPS
25/04 · Sala Informal · TAFALLA GPS
26/04 · Espai Orfeó · LLEIDA GPS
30/05 · Es Claustre · MENORCA GPS
31/05 · Festivala · Vilagarcía de Arousa
28/06 Maraxes da Osa · Burela (Lugo)

MÁIS SOBRE SABELA…
Sabela Ramil é unha das caras visibles da nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa na gran base deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de milleiros de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable, aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Na súa traxectoria conta tamén con colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra.
2024 foi un ano prolífico para Sabela. Tras a súa xira de salas por toda España, algunhas da datas en unión con GPS, a xira de salas por toda Galicia, o seu paso por algúns dos mellores festivais galegos ou a súa participación en Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas máis importante de Galicia, Sabela está mergullada agora xunto a Ed is Dead no estudo de gravación, finalizando o que será o seu seguinte traballo discográfico, que verá a luz durante este 2025 e do que Hi, My Love e Eu Espero Aquí foron os primeiros e prometedores adiantos. En directo, poderemos vela o próximo xullo formando parte do BIGSOUND de Pontevedra.
11/07 · BIGSOUND Pontevedra
