O novo tema das cantareiras, que se pode escoitar e ver desde hoxe nas principais plataformas dixitais, acompáñase dun videoclip que afonda no compromiso do grupo coa posta en valor e recoñecemento da cultura popular galega

Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova sonoridade e proposta musical de Tanxugueiras, na que mesturan os ritmos e bases urbanas e líricas propias con coplas e cantos tradicionais

A lumarada da revolución trad está máis viva ca nunca. Ou, cando menos, máis afogueirada. Tanxugueiras presenta este venres Figa, o seu novo single, un tema no que as cantareiras avivan a chama da súa aposta pola transmisión e reformulación da música tradicional a través da súa confluencia coas sonoridades electrónicas e influencias do tempo no que habitan.


A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural, está dispoñible desde as 00.00 de hoxe nas principais plataformas dixitais. Figa, cuxo nome fai referencia ao mítico amuleto contra o mal de ollo, acompáñase dun videoclip marcado por elementos simbólicos da cultura popular, como o sombreiro e o pano tradicional, a flor da xesta, os sapos; a simulación dunha caza de bruxas de épocas máis escuras e a concorrencia, sobre unha pista de baile, da danza tradicional galega con movementos máis actuais. Son as lapas dunha lumarada que, na traxectoria do grupo, marcan a ruta que seguirán proximamente.


Figa é a resposta bailable e rotunda dun grupo que aposta, desde a súa creación, polo empoderamento e capacidade das mulleres de ser donas do seu camiño. A través de coplas tradicionais e líricas de creación propia, Figa pretende, precisamente, incidir na forza e na capacidade das mulleres á hora de afrontar a súa vida, alén das envexas -temática arredor da cal parte e xira a canción-, medos e críticas derivadas dun sistema marcadamante machista. “Anque de min digan, digan, eu non digo de ninguén” cantan Aida, Olaia e Sabela nun tema no que apostan por unha idea de comunidade que vén de lonxe, por unha cultura que se mantén ao tempo que se renova; e no que contrapoñen, ns seus cantos, a irmandade fonte á denteira, a solidariedade fronte ao individualismo.


“Hoxe, cando por momentos parece que arden as lapas da intolerancia, temos motivos para a esperanza. Hai mulleres que coidan e que se coidan, e lazos de solidariedade que son máis fortes que os discursos do odio. Fronte ao ruxe ruxe, empoderamento”, sinala Tanxugueiras.


Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova sonoridade de Tanxugueiras, na que procuran a proxección do canto e da música tradicional do país mediante o achegamento a outros ritmos, estruturas e bases máis urbanas ou electrónicas. Nesta ocasión Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maineiro contan de novo coa colaboración, na produción, de Iago Pico (Pouland Studios). Precisamente o produtor participa no videoclip como antagonista, tentando enfrontar á masa coas cantareiras.


O videoclip de Figa, dixirido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e con Jordi Lauren na produción executiva, rodouse o pasado mes de maio en distintas localizacións da provincia de Pontevedra, como son a Comunidade de Montes de Salcedo, a nave de Global Setup (Caldas de Reis) e o Pazo de Señoráns (Meis), baixo estritas medidas de seguridade -coa colaboración da Brigada de extinción de lumes de Pontevedra- e medidas de prevención da covid-19. A rodaxe do filme, no que as cantareiras empregaron vestiario e xoiería tradicional de Bulideira, contou coa participación de 90 extras nos planos de lume e de 30 bailadoras como corpo de baile.