As cantareiras tamén actuarán no EXIB de Setúbal e na Trovam de Castellón; pero antes visitarán o 12 de outubro o San Froilán de Lugo, do que xa están as entradas esgotadas

Nos vindeiros días o trío dará a coñecer os detalles dos últimos concertos que ofrecerá en Galicia neste 2021 e novas colaboracións con artistas do ámbito estatal

Tanxugueiras amplía o seu calendario de actuacións para os meses de outubro e novembro coa participación en catro das feiras musicais máis relevantes do momento: Fira Mediterrània, Womex, EXIB e Trovam serán as novas paradas do trío conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. As dúas primeiras vivirán a estrea estatal e internacional, respectivamente, dun avance do novo espectáculo do grupo, que se poderá gozar no 2022, e que inclúe éxitos como Midas ou Figa, entre outras novidades.

A primeira parada será o 16 de outubro na Fira Mediterrània de Manresa, un dos grandes eventos da música de raíz. Á semana seguinte, as cantareiras viaxarán a Setúbal para participar no EXIB Música 2021, que terá lugar do 20 ao 22 de outubro. Serán as únicas representantes de Galicia nesta cita profesional. O país veciño será tamén o escenario, uns días despois, da estrea internacional do seu novo espectáculo: Tanxugueiras participará no Womex, o encontro profesional de músicas do mundo máis relevante a nivel internacional, e que terá lugar na cidade de Porto do 27 ao 31 de outubro. Finalmente, o 5 de novembro, o grupo visitará Castellón para dar boa conta da súa música na Fira Trovam, cuxas entradas están á venda desde esta semana.


No ámbito galego, Tanxugueiras continúa a espallar aXira Contrapunto (a presentación ao vivo do seu segundo disco). A vindeira actuación das pandeireteiras será nas Festas do San Froilán de Lugo o martes 12 de outubro e as entradas xa están esgotadas, tal e como está a acontecer en todos os últimos concertos que o trío está a ofrecer polo territorio (Arzúa, Porriño, Ponteareas, Teo…). De cara ao mes de novembro, celebraranse os últimos concertos deste ano (coma é no caso de Tui o 19 de novembro, entre outras citas), e que o grupo anunciará con detalle nos vindeiros días na súa web oficial, www.tanxugueiras.gal, así como nos seus perfís oficiais as redes sociais Twitter, Facebook e Instagram. Xunto a estas datas, Tanxugueiras tamén dará a coñecer algunha das novas colaboracións que está a realizar con artistas de ámbito estatal.