UNHA EDICIÓN MÁIS, O FESTIVAL PUBLICA O VÍDEO QUE RECOLLE OS MOMENTOS MÁIS ESPECIAISVIVIDOS POLO PÚBLICO ASISTENTE 

O AFTERMOVIE RECOMPILA OS GRANDE MOMENTOS DUNHA EDICIÓN QUE REUNÍU A MÁIS DE 25.000 PERSOAS NO RECINTO DE AS LAGOAS DE BUEU

Tras 20 días dende que SonRías Baixas pechou as portas da súa edición de 2026, o festival fai público o seu aftermovie anual, realizado por Trece Amarillo, onde recompila algún dos mellores momentos da edición, con especial atención á experiencia vivida polos seus festivaleiros.  

A ritmo de Lapsus de Ultraligera, cunha intro a piano gravada por Guille Domínguez (máis coñecido como Guille al Piano), repasan os momentos máis destacados das 24 actuacións musicais desenvolvidas nos tres días de festival, coa banda sonora dun dos grandes concertos desta 23ª edición. Parte importante da recompilación, un ano máis, é o público asistente, que encheu o recinto de As Lagoas de Bueu cun ambiente inmellorable, que xa é marca da casa do evento musical. Momentos como a xa mítica sesión vermú ou a acampada acaparan os focos do aftermovie, co que se pecha definitivamente unha edición máis do que xa é un dos festivais máis importantes do verán galego. 

Esta edición de 2026 saldouse reunindo arredor de 25.000 asistentes ao longo dos seus tres días, confirmando o excelente momento que está a vivir o festival, e reforzando o seu papel como un dos principais motores culturais, turísticos e económicos de Bueu e da provincia de Pontevedra durante o verán

Máis aló da súa dimensión cultural, SonRías Baixas continúa a actuar como un importante motor económico para Bueu e os seus arredores. A edición deste ano xerou un impacto económico estimado de cinco millóns de euros, impulsando a actividade da hostalaría, o comercio e o turismo local, así como contribuíndo á proxección de Bueu, O Morrazo e as Rías Baixas como destino de referencia. O festival xerou tamén 1.150 empregos directos, chegando aos case 1.700 empregos contando os indirectos, amosando o efecto que un proxecto con estas características ten no territorio no seu conxunto. 

SonRías Baixas é promovida pola produtora PlayPlan, tamén responsable de BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración de Galicia Calidade e Xacobeo 2027; a colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest. O evento tamén conta coa colaboración de Bico de Xeado, Los40 e Radio3 como medios oficiais. 

Ultraligera | Foto: Mattias Monsterkid