Sés, TéCanela, Ciudad Jara, La M.O.D.A., ISEO & Dodosound, Sabela e SonDaRúa completan o cartel do ciclo de concertos, que se celebrará do 3 ao 8 de agosto; e no que o público xa esgotou as entradas para o venres 6 e sábado 7

Berta Domínguez e Jordi Lauren, responsables do evento, presentaron esta mañá a cita, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia a través do programa Fest Galicia Xacobeo 21-22 e Concello de Bueu

SonRías Baixas terá cun recinto sectorizado e con equipamentos independentes; cada un deles poderá acoller unha capacidade máxima de 500 persoas para garantir o cumprimento do protocolo de prevención da covid-19

A veciñanza de Bueu conta os días para o inicio do seu gran festival de verán. A partir do martes, 3 de agosto, a localidade pontevedresa acollerá seis noites de música ao vivo co retorno dunha das citas imprescindibles do verán en Galicia: o SonRías Baixas, que este ano se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos. Así, do 3 ao 8 de agosto, Bueu acollerá cada noite dous concertos de artistas relevantes da escena galega e estatal, como son Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa.

Berta Dominguez e Jordi Lauren, tándem que dirixe o evento, presentaron esta mañá a proposta, que conta co apoio e patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa Fest Galicia Xacobeo 21-22, da Deputación de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e do Concello de Bueu. No acto, celebrado no porto bueués, a dirección do SonRías Baixas, evento impulsado pola promotora local PlayPlan Cultural, estivo acompañada polo director de Agadic, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Xuventude de Turismo, Ana Laura Iglesias; e os edís de Turismo e Cultura de Bueu, Silvia Carballo e Xosé Leal.

Protocolo covid-19

O programa deste ano conta con seis sesións nocturnas, con dous directos cada noite, coa intención de poder achegar ao público unha experiencia festivaleira próxima, divertida e, fundamentalmente, segura. O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) eque garante a seguridade do público durante a súa celebración. 

Así, o Recinto Multiusos da Estacada, sede habitual do festival, estará sectorizado, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados. Tal e como expuxo Jordi Lauren esta mañá, o espazo contará con tres zonas diferenciadas, en función do prezo da entradas (29, 26 ou 23 euros, en función da distancia co Escenario Xacobeo 21-22); e cada unha delas estará dividida en sectores que contarán con servizos (aseos, barra, zona de recarga e punto de merchandising). Estes equipamentos independentes terán unha capacidade, como máximo, de 500 persoas. Os accesos ao recinto estarán regulados e todas as asistentes recibirán as indicacións pertinentes sobre como acceder ás zonas e sectores a través de correo electrónico, ademais de poder consultalo na web ou seguir as indicacións que se facilitarán a través das redes sociais.

Todo o recinto contará con sinalización específica, ademais de recomendacións e indicacións para o tránsito e a convivencia segura no espazo; e o persoal da organización poderá achegar información ante calquera tipo de dúbida. Deste xeito, SonRías garantirá que o público transite unicamente por espazos sinalizados (que se corresponden á contorna das súas entradas preasignadas), respectando en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias e facilitando o cumprimimento do protocolo sanitario, que contará, momento de celebración dos concertos, co visto e prace de Sergas.   

Ademais, coa intención de evitar concentracións puntuais e innecesarias, SonRías Baixas ofertará este 2021 un sistema de pago cashless, coa posibilidade de recarga tanto desde os dispositivos móbiles como duns innovadores tótems que estarán distribuídos polo recinto. A este respecto, SonRías organizará durante a súa celebración unha actividade específica para promotores de eventos, coa finalidade de dar a coñecer este sistema.

Programación

SonRías Baixas, que xa pendurou o cartel de “localidades esgotadas” para o venres 6 e o sábado 7 de agosto, comezará o vindeiro día 3, e terá lugar en horario nocturno, coa apertura de portas a partir das 19:00h. O primeiro concerto de cada xornada sobre o Escenario Xacobeo 21-22 dará comezo contra ás 21:00h e o segundo, en función do día, entre as 22:15 e as 22:30 horas. 

Ao longo de seis xornadas, o dobre que en anteriores edicións, SonRías Baixas ofrecerá unha programación musical impregnada co espírito do festival, na que destaca a única data en Galicia deste verán do mítico MC Kase.O, que celebra os dez anos do seu proxecto JazzMagnetism; ou os únicos directos de gran formato que ofrecerán La Pegatina, Travis Birds, Tu Otra Bonita ou Muerdo sobre os escenarios galegos. Con eles, a festa e a alegría están garantidas.  


A cantareira Sés e o dúo TéCanela abrirán este martes 3 unha programación rebordante de dinamismo e vitalidade que tamén inclúe a participación de artistas galegas de referencia entre o público local. Así, ademais de Sés, a cantante Sabela dará a coñecer o seu novo espectáculo e os rapeiros SonDaRúa presentarán o seu primeiro LP, Eterno Combate. O cartel inclúe tamén grupos con sona no marco do panorama estatal. É o caso de Iseo & Dodosound, que regresan a Bueu para dar a coñecer as súas novidades musicais; Ciudad Jara, que actúan por primeira vez en Galicia; ou unha das bandas máis aclamadas do momento: La M.O.D.A.


Entradas

As entradas do SonRías Baixas 2021 pódense adquirir en www.sonriasbaixas.info ou na plataforma dixital www.enterticket.es. O equipo do SonRías establece, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos (23, 26 e 29 euros) en función da disposición dos asentos preasignados no recinto, e cada un destes tramos correspóndese, fisicamente, cun dos sectores que conforman o circuíto de seguridade de prevención da covid-19. Ademais, como en anteriores edicións, SonRías Baixas pon á disposición do público entradas para menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta responsable. No momento de acceso ao recinto, deberase presentar a autorización de asistencia (dispoñible durante o proceso de compra) xunto á entrada.

As entradas de 2020, válidas para 2022 

A realización dun ciclo de concertos, no lugar dunha edición de festival, permite ás persoas que dispoñan de entradas do festival de 2020 que poidan conservarlas para asistir, con elas, ao Festival SonRías Baixas 2022. Mais para facilitar que o público poida dar saída a estes tickets, SonRías habilita a posibilidade de transformar as entradas de 2020 en saldo para este verán, e adquirir así con este saldo as entradas para o ciclo. Toda a información sobre este proceso está dispoñible na web www.sonriasbaixas.info

Para máis información sobre o protocolo covid-19, aprobado polo SERGAS, cuestións vinculadas ao método de pago cashless ou calquera información puntual sobre horarios e accesos ao recinto de concertos, o público ten á súa disposición a páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, con documentación actualizada.