– LA M.O.D.A., Ultraligera, Zahara, La Pegatina, Alcalá Norte, Veintiuno, Barry B e Biznaga encabezan tres xornadas que combinan grandes nomes, novas voces e talento galego en Bueu. 
– As entradas de día estarán dispoñibles dende o luns 11 de maio ás 12:00 h en prezo especial de lanzamento e por cota limitada. 

SonRías Baixas desvelou a programación completa da súa próxima edición, que se celebrará do 30 de xullo ao 1 de agosto no recinto de As Lagoas, en Bueu, consolidándose como un dos eventos imprescindibles do verán galego e do noroeste peninsular. 

Tras un primeiro avance que xerou grande expectación, o festival pecha agora o seu cartel coa incorporación de Biznaga, unha das bandas máis contundentes e necesarias do panorama estatal actual. Cun son que transita entre o punk e o rock máis urxente, o grupo madrileño consolidou pola súa capacidade para retratar a realidade contemporánea cunha mirada crítica, afiada e profundamente xeracional. Os seus directos, intensos e sen concesións, convertéronse nun dos seus grandes sinais de identidade, conectando co público a través de letras incisivas e unha enerxía irresistible sobre o escenario. 
 
Ademais, a organización deu a coñecer a distribución por días, configurando tres xornadas con identidade propia: 

xoves 30 abrirá o festival cunha xornada marcada polo pulso emerxente e a enerxía das novas escenas. Alcalá Norte, un dos nomes máis en auxe do rock estatal recente, liderará a noite co seu característico son de post punk afiado e actitude xeracional. Xunto a eles, Veintiuno aportará a súa vertente máis melódica e emocional dentro do pop rock, consolidada a través de cancións de gran conexión co público. Completan a xornada Duendeneta Dilleis, cunha proposta festiva e desenfadada; Hoonine, que mestura electrónica, house e synthpop dende unha mirada contemporánea; e Juventude, dúo que fusiona folclore, pop setentero e indie en clave bailable. 

venres 31 estará protagonizado pola diversidade sonora e a electrónica en todas as súas formas. Ultraligera despregará o seu rock ambicioso e enérxico, cargado de intensidade e retrousos contundentes, mentres que Zahara (Rave) transformará o recinto nunha pista de baile cun espectáculo inmersivo onde o techno reinterpreta o seu repertorio en clave electrónica, liberadora e reivindicativa. Barry B, unha das voces máis persoais do momento, completará o tridente principal cun directo marcado pola sensibilidade e a experimentación. A xornada completarase con propostas como Chiquita Movida, proxecto colectivo de espírito libre e actitude urbana; e nomes coma Rager,  Kike Varela, EME DJ, Sobrezero e Ulex, que aportarán dende o indie rock ata a electrónica, mantendo o pulso do festival durante toda a noite. 

sábado 1 porá o broche final cunha das xornadas máis potentes e festivas da edición. La M.O.D.A. regresará coma un dos grandes referentes da música alternativa nacional, cun directo intenso e emocional e unha forte conexión co público. La Pegatina, pola súa parte, converterá o recinto nunha auténtica celebración colectiva coa súa inconfundible mestura de ska, rumba e ritmos festivos. A eles súmaselles Biznaga, recente incorporación ao cartel, que aportará a súa enerxía punk e a súa mirada crítica nun dos directos máis contundentes da fin de semana. O resto da xornada inclúe propostas como Mr. Kilombo, sinónimo de proximidade e carisma sobre o escenario; Sonido Gallo Negro, que traerá dende México a súa hipnótica cumbia psicodélica, Gara Durán, co seu universo íntimo e delicado; e proxectos como Alizza, Cool Nenas, NDLR, Quinkillada e Duendeneta Dilleis completando unha programación diversa entre pop, electrónica, mestizaxe e novas tendencias. 

O cartel reúne algúns dos nomes máis destacados do panorama estatal actual, combinando traxectorias consolidadas con artistas que están definindo o presente e futuro da música. Ademais, o festival reforza o seu compromiso coa diversidade, cunha notable presencia feminina e unha aposta firme polo talento emerxente e galego.

Biznaga, nova incorporación a SonRías Baixas 2026 

Os abonos para as tres xornadas xa están dispoñibles a un prezo de 69€ (gastos de xestión incluídos) a través de sonriasbaixas.info e enterticket.es. 

Pola súa parte, as entradas de día poranse á venta o próximo luns 11 de maio ás 12’00, nunha oferta de lanzamento con prezo especial —dispoñible por tempo limitado— coas seguintes tarifas (gastos de xestión incluídos): 

  • Xoves: 33€ 
  • Venres: 39€ 
  • Sábado: 39€ 

Como é habitual, este primeiro tramo de entradas contará cun prezo reducido antes dos seguintes cambios de tarifa. 

Ademais, a organización de SonRías Baixas, nunha aposta por mellorar a mobilidade do público e favorecer un acceso cómodo, seguro e sostible ao festival, continúa traballando na posta en marcha de servizos oficiais de autobús de ida e volta, que repetirán o formato de edicións anteriores. Proximamente confirmaranse todos os detalles destas rutas, que conectarán o recinto con distintos puntos clave: 

  • Vigo – Moaña – Cangas 
  • Pontevedra – Marín – Seixo 

Tras unha edición de récord en 2025, que superou as súas mellores cifras de asistencia e retorno económico para a comarca, SonRías Baixas continúa crecendo sen renunciar á súa esencia: un festival próximo, inclusivo e profundamente vinculado ao entorno que o acolle. Unha evolución que o consolida coma un evento cultural e social clave para Bueu e para o conxunto do territorio. 

Máis alá da súa dimensión artística, o festival afianzouse como un potente motor de dinamización turística e comercial: a edición de 2025 xerou un impacto económico de 3,1 millóns de euros e preto de 1.000 empregos directos, reforzando o seu papel como axente activo no desenvolvemento local. 

Este crecemento viu acompañado, ademais, dun destacado recoñecemento internacional. SonRías Baixas foi galardoado en tres categorías dos Iberian Festival Awards 2026, de entre os seis nomeamentos obtidos: Best Festival Photo, concedido ao fotógrafo Javier Bragado —quen revalida este recoñecemento por segundo ano consecutivo—, Contribution to Sustainability e Best Hosting and Reception, poñendo en valor tanto o compromiso do festival coa sostibilidade como a calidade da experiencia ofrecida ao público. 
 
SonRías Baixas está promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén de BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo; a colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest. O evento conta, ademais, coa colaboración de Bico de XeadoLos40 Radio3 como medios oficiais.