MÁIS DE 25.500 ASISTENTES ATEIGARON O RECINTO DAS LAGOAS DE BUEU DURANTE AS TRES XORNADAS DE FESTIVAL
O impacto económico xerado na comarca do Morrazo ascende ata os 5 millóns de euros, con 1.150 postos de traballo directo xerados e 1.700 indirectos

A vixésimo terceira edición de SonRías Baixas, o festival de PlayPlan, celebrado os días 30, 31 de xullo e 1 de agosto no recinto das Lagoas, pechou as súas portas afianzado xa como un dos grandes eventos musicais do verán galego. Durante tres xornadas, o festival reuniu a máis de 25.000 asistentes, xerou un impacto económico de 5 millóns de euros na comarca do Morrazo e a provincia de Pontevedra e mobilizou a máis de 1.150 profesionais de maneira directa, reforzando o seu papel como motor cultural, turístico e económico para toda a contorna.

Durante os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto, os escenarios Xacobeo 2027 e Turismo Rías Baixas acolleron unha programación que reuniu a grandes figuras do panorama estatal, como La M.O.D.A., La pegatina, Ultraligera, Zahara (Rave), Barry B ou Alcalá Norte; con algunhas das propostas emerxentes con maior proxección do momento, como Gara Durán, Alizza, ou Hoonine; sempre coa vista posta ao talento musical galego, como son Ulex, Rager, Quinkillada ou Kike Varela.

Os artistas de PlayPlan amosaron o seu bo facer sobre o Escenario Turismo Rías Baixas, con concertos que ergueron ao público. Alizza, Rager e Quinkillada tiveron algúns dos momentos máis carismáticos desta edición, ao igual que Silee, saíndo a colaborar na sesión de Kike Varela para estrear en directo o seu novo tema “Milajros de Amil Remix”.


Unha vez máis, SonRías Baixas amosou que é posible medrar sen renunciar á identidade do territorio que a acolle, facendo de Bueu e as Rías Baixas unha parte esencial da experiencia do festival. O excelente ambiente vivido durante os tres días e o comportamento exemplar dos asistentes permitiron que o festival se celebrase con total normalidade e sen incidentes notables. Todo isto foi posible grazas á implicación das administracións públicas, entidades colaboradoras, patrocinadores, empresas provedoras, equipos técnicos, voluntarios e o conxunto de profesionais que, unha vez máis, contribuíron a facer realidade SonRías Baixas.

SonRías Baixas é promovida pola produtora PlayPlan, tamén responsable de BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Turismo, no marco dos Concertos do Xacobeo así como coa colaboración de Galicia Calidade e Xacobeo 2027; a colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest. O evento tamén conta coa colaboración de Bico de Xeado, Los40 e Radio3 como medios oficiais.