– O festival de Bueu imponse en tres categorías.
– PlayPlan suma ademais outro galardón con BIGSOUND Pontevedra, premiado como Best New Festival.

O pasado 14 de marzo celebráronse no Coliseu Micaelense de Ponta Delgada (Azores) os Iberian Festival Awards 2026, uns galardóns que recoñecen a excelencia dos festivais de música de España e Portugal. Nesta edición, SonRías Baixas foi distinguido con tres galardóns, converténdose no festival máis premiado da gala e consolidando a súa traxectoria como unha das citas musicais máis destacadas do verán na Península.
O festival de Bueu alzouse co premio nacional a Best Festival Photo, outorgado ao fotógrafo Javier Bragado, que logra este recoñecemento por segundo ano consecutivo, e con dous premios ibéricos nas categorías Contribution to Sustainability e Best Hosting and Reception, que recoñecen tanto o compromiso do festival coa sostibilidade como a calidade da experiencia ofrecida ao público.
Dous destes galardóns foron outorgados polo xurado profesional e un a través de votación do público, reflectindo así o recoñecemento tanto do sector como dos asistentes ao traballo desenvolvido polo festival. Con estes tres novos premios, SonRías Baixas suma xa seis galardóns na historia dos Iberian Festival Awards, que poñen en valor distintos aspectos da súa proposta.
Para Jordi Lauren, codirector do festival, este recoñecemento supón ademais un motivo especial de orgullo polo vínculo do proxecto co territorio: “SonRías Baixas e PlayPlan levan máis de 20 edicións desenvolvendo a súa actividade en Bueu, o lugar no que traballamos e vivimos. Poder situar á que consideramos a nosa casa no primeiro nivel do panorama festivaleiro da Península Ibérica é un orgullo enorme”. Lauren quixo ademais destacar o papel do público e das institucións que apoian o proxecto, subliñando que “estes son uns premios compartidos con todas as persoas que apoiaron o festival durante estes anos e coas institucións e patrocinadores como o concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Rías Baixas Fest ou a Xunta de Galicia que fan posible que SonRías Baixas se atope neste punto”.
Pola súa banda, Berta Domínguez, tamén codirectora do festival, destacou que estes premios recoñecen aspectos nos que o equipo leva traballando desde hai anos: “estes galardóns poñen en valor o trato ao público, a provedores e artistas, así como o esforzo por converter o festival nun espazo cada vez máis sostible”. Domínguez subliñou ademais o reto que supón aplicar estas políticas nun evento de gran formato: “traballar a sustentabilidade nun festival da magnitude de SonRías Baixas implica afrontar desafíos importantes, desde a mobilidade ata a xestión de residuos, pero estamos orgullosas de ter desenvolvido un modelo eficaz e pedagóxico para todos os axentes que participan no festival”.
O éxito de SonRías Baixas súmase ademais ao logrado por PlayPlan, promotora do festival, que tamén foi recoñecida nos Iberian Festival Awards 2026 grazas a BIGSOUND Pontevedra, gañador do premio Best New Festival na súa primeira edición. O galardón recoñece o exitoso debut desta nova cita musical, celebrada por primeira vez en 2025, e reforza a traxectoria da promotora no desenvolvemento de proxectos sólidos e con identidade propia. Con este recoñecemento, e os tres galardóns obtidos por SonRías Baixas, PlayPlan asina unha destacada presenza nesta edición dos premios, cun total de catro recoñecementos.
SonRías Baixas xa traballa na súa próxima edición, que se celebrará do 30 de xullo ao 1 de agosto en Bueu. La M.O.D.A., Ultraligera, Zahara, La Pegatina, Alcalá Norte, Veintiuno e Barry B encabezan tres días de música que combinan grandes nomes do panorama nacional, propostas emerxentes e unha destacada presenza de talento galego.
A experiencia festivaleira combina música en directo coa proximidade ao mar, a natureza e a gastronomía local, convertendo o festival nun escaparate privilexiado para o territorio e un dos encontros musicais máis singulares do verán.
En 2025, SonRías Baixas reuniu a máis de 33.000 asistentes, xerando ademais un impacto económico estimado de 3,1 millóns de euros e cerca de 1.000 empregos directos en Bueu e a súa contorna, consolidándose como un dos principais motores culturais, sociais e turísticos da comarca.
SonRías Baixas é un festival promovido por PlayPlan, responsables tamén de BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest e Festival do Pasatempo. Conta coa colaboración do Concello de Bueu e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia.
