LA M.O.D.A., ZAHARA, LA PEGATINA, ALCALÁ NORTE, ULTRALIGERA, BARRY B E VEINTIUNO ENCABEZAN TRES DÍAS DE MÚSICA EN BUEU QUE COMBINAN GRANDES NOMES, PROPOSTAS EMERXENTES E TALENTO GALEGO

SonRías Baixas revelou hoxe a programación da súa próxima edición, que se celebrará do 30 de xullo ao 1 de agosto no recinto de As Lagoas, en Bueu, reafirmando a súa posición como un dos encontros musicais imprescindibles do verán galego e do noroeste peninsular.
Tras un primeiro avance que espertou unha gran expectación, o festival presenta agora o conxunto de propostas que darán forma a tres xornadas marcadas pola convivencia entre artistas consolidados, novas voces da escena actual e unha decidida aposta polo talento emerxente, mantendo a súa esencia aberta a estilos, xeracións e formas diversas de vivir a música.

Aos xa confirmados LA M.O.D.A. e LA PEGATINA súmanse agora nomes clave do panorama estatal como ULTRALIGERA, ZAHARA no seu formato “Rave”, ALCALÁ NORTE e BARRY B, configurando un bloque artístico que reflicte a riqueza creativa do momento actual. Xunto a eles, SonRías Baixas volve mirar ao futuro incorporando bandas que están definindo o pulso dunha nova xeración, como VEINTIUNO, CHIQUITA MOVIDA, SOBREZERO e JUVENTUDE.

Ademais de Zahara, a presenza feminina volve ocupar un lugar destacado nesta edición, con proxectos liderados por mulleres que sobresaen pola súa solidez e proxección, entre eles ALIZZA, GARA DURÁN, HOONINE e COOLNENAS. Unha participación que amplía a pluralidade de voces e reforza o compromiso do festival cunha escena máis diversa e representativa.

O cartel complétase con propostas de gran conexión co público como MR. KILOMBO e coa participación internacional de SONIDO GALLO NEGRO, que achegará a súa característica fusión de psicodelia e ritmos latinoamericanos. A programación nocturna contará ademais coas sesións de KIKE VARELA, NDLR, DUENDENETA DILLEIS E EME DJ, encargados de prolongar a enerxía do festival ata o peche de cada xornada. O talento galego emerxente volverá ter un espazo destacado grazas á incorporación de bandas como RAGER, ULEX E QUINKILLADA, en liña coa vontade do festival de servir como plataforma para novas propostas do territorio.

Tras unha edición de récord que superou as súas mellores cifras de asistencia e retorno para a comarca, SonRías Baixas continúa medrando sen perder o seu carácter próximo, inclusivo e o seu forte vínculo coa contorna que o acolle, consolidándose como un evento cultural e social clave para Bueu. Máis alá da súa dimensión artística, o festival converteuse nun importante dinamizador da actividade turística e comercial da localidade: a edición de 2025 xerou 3,1 millóns de euros e arredor de 1.000 empregos directos. Ademais, SonRías Baixas recibiu recoñecemento internacional ao ser finalista en seis categorías dos Iberian Festival Awards 2026, logrando o récord de nominacións a nivel estatal: Best Touristic Promotion, Best Hosting and Reception, Contribution to Sustainability, Best Festival Photo (Javier Bragado), Best Video Coverage (Trece Amarillo) e Best Service Provider (Idasfest).

Os abonos para as tres xornadas estarán dispoñibles a un prezo de 65€ (gastos de xestión incluídos) a través de sonriasbaixas.info e enterticket.es.

SonRías Baixas está promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén de BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia mediante Xacobeo 2027. O evento conta, ademais, co patrocinio de El Águila, Bico de Xeado e Los40 e Radio3 como medios oficiais.

MÁIS SOBRE OS ARTISTAS DE SONRÍAS BAIXAS 2026…

SonRías Baixas 2026 chega cunha edición marcada pola diversidade e a enerxía, incorporando numerosos debuts, apostando polos nomes máis destacados da escena actual e reforzando o seu compromiso co talento galego.

Un dos pratos fortes será o septeto burgalés LA M.O.D.A., que regresa como referente da música alternativa en España. Coa súa inconfundible combinación de acordeón, clarinete e mandolina, a banda forxou unha sólida traxectoria baseada na autoedición e na intensa actividade sobre os escenarios, con preto de 600 concertos en España e no estranxeiro. Cun novo disco recentemente publicado, a súa actuación promete converterse nun dos fitos desta edición.

ZAHARA traerá o seu formato rave, un espectáculo que transcende o concerto e se concibe como un espazo seguro e de comunidade. En ZAHARAVE, o techno apodérase do seu repertorio mentres reimaxina as súas cancións para a pista de baile. Inspirado no espírito combativo do Detroit de finais dos 70, o show é político, reivindicativo e provocador, convidando a fuxir das violencias externas e exorcizar os propios demos a través do baile.

Tras a súa pausa, regresan ao festival LA PEGATINA, mestres da fusión de ska, rumba e música festiva. Con máis de vinte anos de carreira, os seus concertos son auténticas celebracións colectivas, onde a diversión, a conexión co público e os ritmos pegadizos consolidan a súa reputación como un dos directos máis celebrados do país.

Entre as estreas estatais destacan tres dos fenómenos que marcaron a escena no último ano. ALCALÁ NORTE chega tras un ascenso meteórico, consolidándose como referente do rock estatal co seu post punk de rúa, cheo de actitude e letras que reflexan o presente. ULTRALIGERA, en plena expansión, conquistou ao público cun rock ambicioso que combina forza, visceralidade e retrousos contaxiosos. Pechando este trío, BARRY B, unha das voces máis admiradas do momento, presenta Infancia mal calibrada, un disco que marca un punto de inflexión e confirma a súa personalidade única na música actual.

SonRías Baixas tamén acolle artistas que se estrean por primeira vez no festival, achegando frescura e diversidade ao cartel. VENTIUNO, unha das bandas de pop rock máis consolidadas, chega con El arte de perder, reforzando a súa conexión co público mediante cancións emotivas e retrousos memorables. CHIQUITA MOVIDA, o proxecto de Rayden xunto a Mediyama, Skiz Siete, Babe, Jhonny e Jona. A súa carta de presentación, “Alta vaina”, estrease este venres e promete marcar o inicio dunha proposta sonora enérxica, libre e cargada de actitude. SOBREZERO, co seu potente indie rock, consolidouse como unha das sensacións emerxentes do momento; mentres que JUVENTUDE, o dúo andaluz formado por Ángel e Nico, combina folclore, pop setenteiro, rock e indie nun universo sonoro tan persoal como bailable.

A edición contará tamén con destacadas voces femininas que irrompen con forza na escena. HOONINE, alter ego de Carmen Alarcón, debuta co seu EP Una Foto al Sol, fusionando dance, house, UK Garage e synthpop nunha proposta innovadora e singular. ALIZZA, co seu pop alternativo e R&B contemporáneo, constrúe atmosferas introspectivas e envolventes, consolidándose como unha das voces emerxentes máis prometedoras. E GARA DURÁN, cantante, compositora e pianista madrileña, destaca pola súa sensibilidade e talento para as composicións íntimas e oníricas, conquistando ao público con emoción, delicadeza e autenticidade.

A diversión e a enerxía estarán presentes durante toda a edición. MR. KILOMBO prenderá ao público co seu carisma e forza arrasadora, mentres que, desde México, SONIDO GALLO NEGRO traerá a súa cumbia psicodélica, fusionando folclore e experimentación para crear unha experiencia colectiva única. E, un ano máis, regresará ao festival COOLNENAS, o proxecto á mesa de mesturas de Dani, Mariagrep e Kimberly Tell, recoñecido pola súa proposta libre de prexuízos que percorre desde o techno ata o pop.

O festival tamén reforza o seu apoio á escena galega, con bandas como RAGER, co seu punk rock combativo; ULEX, co seu pop alternativo; e QUINKILLADA, que mestura ska, cumbia e pop nun estilo verbeneiro e reivindicativo, demostrando que o talento local segue máis vivo ca nunca.

Para pechar cada xornada, o público gozará das sesións a cargo dos DJs galegos KIKE VARELA, DUENDENETA DILLEIS e EME DJ, xunto ao regreso de NDLR, que celebra a súa terceira participación no festival. Todos eles serán os encargados de manter a enerxía de SonRías Baixas no máis alto.

Información de venda de entradas 

– Abono: 65€ (gastos de xestión incluídos) 

–  Dispoñibles a través de  sonriasbaixas.info e Enterticket.es.