Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, ISEO & Dodosound, TéCanela, Sabela, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel da cita de referencia nas Rías Baixas coas propostas máis enérxicas e divertidas do panorama musical estatal do momento

As entradas, que contarán con asentos preasignados e ata tres tramos diferenciados de prezo en función da proximidade ao escenario, estarán dispoñibles a partir do luns 24, ás 10.00 horas, en www.sonriasbaixas.info

As persoas que posúen entradas do festival 2020 poderán gardar os seus tickets para a vindeira edición do festival, en agosto de 2022; transformalos en saldo para as actuacións deste verán ou solicitar a súa devolución

SonRías Baixas activará mañá, luns 24, a partir das 10.00 horas, na páxina web www.sonriasbaixas.info, a venda de entradas para o ciclo de concertos que se celebrará en Bueu do 3 ao 8 de agosto de 2021. A cita de referencia coa música máis enérxica e festiva do panorama musical contará este verán con Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa no seu cartel.

Ao longo de seis xornadas, o dobre que en anteriores edicións, SonRías Baixas 2021 ofrecerá unha programación musical impregnada co espírito do festival, que apraza a súa edición de 2020 até o verán de 2022. Así, e coa intención de poder achegar unha experiencia festivaleira que garanta a seguridade do público e artistas durante a súa celebración, SonRías propón un programa de sesións nocturnas, con dous directos cada noite, como resposta ante o contexto sociosantiario actual e a normativa vixente en Galicia vinculada á celebración de eventos durante a pandemia da covid-19.

As entradas para gozar do SonRías Baixas 2021 sairán á venda mañá a partir das 10.00 horas e unicamente poderanse adquirir na web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, así como na plataforma dixital www.enterticket.es. O equipo do SonRías establecerá, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos (23, 26 e 29 euros) en función da disposición dos asentos preasignados no recinto, e cada un destes tramos corresponderase, fisicamente, cun espazo organizado co seu propio equipamento e circuíto de seguridade de prevención da covid-19.

Ademais, como en anteriores edicións, SonRías Baixas porá á disposición do público entradas para menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta responsable. Este tipo de ticket, cun prezo de 10 euros máis gastos de xestión, poderase seleccionar durante o proceso de compra no que se habilitará a descarga da autorización. Esta documentación deberase presentar, asinada, no momento de acceso ao recinto xunto á entrada.

As entradas de 2020, válidas para 2022

O equipo do SonRías Baixas comunicou o pasado xoves, 20 de maio, a través de correo electrónico así como nos perfís sociais e páxina web, que as persoas que dispoñan de entradas do festival de 2020 poderán conservalas para asistir ao Festival SonRías Baixas 2022. Como novidade, ao longo desta xornada as posuidoras destes tickets terán opción de mercar, nunha prevenda exclusiva -entre as 18.00 horas do domingo 23 e as 10.00 horas do luns 24-, as entradas do ciclo de concertos de 2021.

Ademais, SonRías habilita a posibilidade de transformar as entradas de 2020 en saldo para este verán e adquirir, tamén neste prazo prioritario, os tickets para os directos co ciclo. Por último, as persoas que desexen solicitar a devolución das entradas, deberán facelo nos prazos legais indicados na web do festival.

Programación

SonRías Baixas regresa este verán cunha programación rebordante de dinamismo e vitalidade, na que destaca a actuación do rapeiro Kase.O, que celebrará en Bueu o 10º aniversario do seu proxecto Jazz Magnetism. Xunto ao mítico MC, grupos como La Pegatina, Ciudad Jara, ISEO & Dodosound, Travis Birds ou Muerdo tamén ofrecerán no SonRías o seu único directo de gran formato deste verán en Galicia.

A programación de SonRías Baixas 2021, que se desenvolverá en horario nocturno, conta tamén coa participación de artistas galegas de referencia entre o público, como Sés ou Sabela, ademais dos rapeiros SonDaRúa, que presentarán o seu primeiro LP, Eterno Combate. O cartel péchase con grupos do panorama estatal como La M.O.D.A., Tu Otra Bonita ou TéCanela.

O ciclo de concertos SonRías Baixas 2021 é unha iniciativa impulsada pola promotora PlayPlan Cultural e que conta co apoio e o patrocinio do Concello de Bueu, Turismo Rías Baixas e Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia e INAEM.