Tras anunciar o seu cartel para a edición de 2024, SonRías Baixas pon á venda os abonos para a celebración da súa 21ª edición en Bueu, corazón das Rías Baixas, os próximos 1, 2 e 3 de agosto.
Os abonos xa están dispoñibles dende a web do festival, www.sonriasbaixas.info, e a través de Enterticket.es.
Un ano máis, e no marco dun enclave natural idílico, o festival supón unha oportunidade única de gozar de música en directo coa contorna privilexiada de natureza e mar, unido ás virtudes da gastronomía local e o carácter amable da zona.
Esta edición estará encabezada por nomes como La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, nunha aposta da organización, a promotora PlayPlan, para tratar de mudar a tendencia marcada pola propia industria musical, e apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como nomes principais do cartel.
Tamén se mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezada pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego, como son Tanxugueiras. A todos estes nomes súmanselles as interesantes propostas de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds. mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais tamén nesta 21ª edición.
Ademais, o festival conseguiu unha forte representación na última fase dos Iberian Festival Awards. Onte déronse a coñecer os finalistas da súa VIII edición, e Sonrías Baixas está representado en varias das súas categorías. Máis concretamente, o festival poxa por vencer en cinco candidaturas: BEST TOURISTIC PROMOTION, BEST LIVE PERFORMANCE (La Pegatina – Sonrías Baixas 2023), BEST LIVE ELECTRONIC ACT (Ninhodelosrecaos DJ – Sonrías Baixas 2023), CONTRIBUTION TO EQUALITY e BEST VIDEO COVERAGE (produtora audiovisual Trece Amarillo).
Os gañadores coñeceranse nunha gala que terá lugar o próximo 15 de marzo no Palacio de Congresos – Auditorio Manuel de Falla de Granada.