GHZ, Navia, Jasper, a Asociación Cultural Sadeo e Ezetaerre acompañaron á banda neste final de xira

Crispa

Ao redor de 800 persoas, todo o aforo da sala, déronse cita o pasado venres, 14 de abril, na Capitol de Santiago de Compostela, para cantar, bailar e gozar do ritmo da música urbana de SonDaRúa no último concerto da súa emotiva xira Eterno Combate.

O grupo, que coa composición das súas letras (baseadas en temáticas sociais) e a implicación de causas que repercuten positivamente na cidadanía, ten a capacidade de chegar a públicos de todas as idades, foi precedido e apoiado, ademais de polo seu público, por GHZ, Navia, Jasper, a Asociación Cultural Sadeo e Ezetaerre, o que lle permitiu pechar a xira por todo o alto.

A banda que leva meses de xira, relanzando o seu último disco Eterno Combate, presentouno nas principais salas de Galicia, facendo tamén parada en Madrid e Barcelona, ​​tendo unha magnífica resposta do público, esgotando entradas en moitos lugares antes da data do concerto. De feito, na Sala Capitol levaban días esgotadas.

Crispa

O grupo, formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso á voz e That Bass como DJ, recolle o seu estilo neste novo disco, que sempre bota man da ironía, a musicalidade e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis esixente, de crítica social e política.

Eterno Combate é un LP de 12 temas no que podemos gozar das colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. Ademais, e mantendo a liña habitual de SonDaRúa, Eterno Combate é un disco do máis ecléctico no que hai cabida para un gran número de estilos musicais; dende o rap clásico ata o máis puro estilo dos 90, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae. En canto á parte instrumental de Eterno Combate, o maior peso da produción recae sobre Álex Arnoso, membro do grupo.

Aínda que a banda nunca perde a súa esencia subversiva e reivindicativa, en Eterno Combate podemos atopar temáticas moi diversas entre os distintos temas que compoñen o disco, así como composicións rítmicas e instrumentais cheas de calidade e frescura.

Operación financiada pola Unión Europea, a través do FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER), como parte da resposta da Unión á pandemia do COVID-19