O PRÓXIMO XOVES 5 DE NOVEMBRO VERÁ A LUZ MEU ONDE ESTÁS?, O SEU NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO DE LONGA DURACIÓN
ESTA NOVA CANCIÓN EXERCE DE ÚLTIMO ADIANTO TRAS MILAJROS DE AMIL, BRUXA CURUXA, ORBALLO, FURANCHO E NA DE JUAN
Un dos grandes representantes da música urbana galega, Silee, publica o seu novo sinxelo Cando o barco se afunde, que exerce como último adianto do seu inminente traballo discográfico, Meu onde estás?, que verá a luz o próximo xoves 5 de novembro. Neste novo tema, o artista afonda no sentimento de namoramento cara a súa música, confrontada co medo a saltar ao baleiro, aínda que teña boa pinta. Esta temática incorpórase sutilmente no fío argumental do seu novo disco, que xirará arredor desa visión de loitar polo seu soño de vivir da música e ver como, a pesar dos altos e baixos, ese obxectivo vai collendo forza.
Cando o barco se afunde é unha demostración máis da faceta multidisciplinar de Silee. A creación das letras, a produción do tema, as partes de ukelele e ata as portadas e o videoclip corren ao seu cargo, amosado que se pode autoproducir un dos proxectos máis interesantes da escena urbana galega dende cero e alonxado das grandes urbes. Este sinxelo vén acompañado dun videoclip dirixido polo propio Silee e gravado por el mesmo e Diego Ferradás nas inmediacións de Bueu.
Tras o enorme éxito viral de Milajros de Amil, primeiro sinxelo desta etapa que xa conta con maís dun millón de escoitas e que se colou entre os 20 temas máis virais de España na plataforma Spotify, e o lanzamento de Bruxa Curuxa, Orballo, Furancho e Na de Juan, o bueuense encara a recta final do lanzamento de Meu onde estás?, o seu novo traballo discográfico de longa duración. Este lanzamento vén acompañado dos primeiros anuncios de actuacións fóra de Galicia en 2027 do artista, como parte da xira de presentación do que vai ser o seu novo disco, con actuacións na sala LAUT de Barcelona o 18 de febreiro e na Sala Maravillas de Madrid o 19 de febreiro. As entradas están á venda en dice.fm.

PRÓXIMAS DATAS EN DIRECTO
30/10 La Conservera · Viveiro
18/02 Sala LAUT · Barcelona
19/02 Sala Maravillas · Madrid