Dende xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais, como o seu novo videoclip ‘La Piedra’

Despois de publicar varios sinxelos durante os últimos meses (“No sé lo que sientes”, “Cidade desexo”, “Peligro de Extinción”, “Ya no me quiero ir” e “Mucho love”), Sabela lanza hoxe o seu novo disco, ‘Ceniza’. Despois de reafirmar o seu camiño como artista independente, reabre o seu mundo musical a través deste disco tan persoal, un traballo feito a lume lento e co selo propio da artista como coprodutora musical do disco.

Nel, Sabela explora a perda, a morte e a vida, a nostalxia e a esperanza. En palabras da artista galega: “Quería facer este disco porque mo debía a min mesma, a meu pai, á vida, e á perda, protagonista de toda esta última etapa. Se hai algunha mensaxe clara dentro do disco é que, a pesar das perdas, dos desencontros co mundo e con nós mesmos, a vida sempre renace. E faino, non só naturalmente, senón cando se toma a decisión de facelo. Non hai nada máis importante que poder decidir vivir”.

O son de ‘Ceniza’ é máis maduro, vendo a Sabela recoller os froitos da exploración coa fusión de electrónica e pop, chegando a tocar a fusión de jazz e hip hop, xunto a Mateo Bruquetas, Diogo Piçarra ou Luis del Toro, entre outros.

Para Sabela non hai etiquetas, e menos aínda neste disco, é unha parte da vida feita en cancións, aspecto que queda moi ben reflectido no seu deseño de Miguel Duarte, a través das imaxes de Silvia Grav.

As súas voces ambientais e arranxos con matices de “pop barroco” fan deste disco un lugar especial para entrar, reflexionar, bailar e chorar. En definitiva, vivir.

A cantante presentará os seus novos temas o 9 de marzo na Sala Capitol de Santiago a partir das 21:30 horas. As entradas están dispoñibles AQUÍ.

En Madrid, a cita para escoitar en directo os temas de Sabela será o 3 de maio na sala Carola Morena.