Sabela presenta a súa candidatura para “canción do verán” co seu novo tema “Hi, My Love”, un sopro de aire fresco para o pop electrónico en galego. Nesta aposta, a artista de Ourol destaca por un son fresco e revitalizado do seu xa característico pop electrónico, introducindo elementos tradicionais galegos que manteñen e fortalecen as raíces da artista. O tema, que contará cun videoclip propio que se estreará o próximo venres 31 de maio, establécese xa como o primeiro sinxelo do próximo EP de Sabela, que sairá a finais deste ano 2024. Tanto a canción como o videoclip están financiados polo certame de Girando Por Salas e o INAEM.
“Hi, My Love” é a conxunción do traballo de produción de Sabela xunto con Mateo Bruquetas, o seu produtor habitual, e Ed is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional, con múltiples galardóns da talla do Premio VMA a “Mellor Produtor de Música Electrónica” ou o Premio MIN a “Mellor Gravación de Música Electrónica”. Algúns dos seus traballos están recoñecidos como referencias da música electrónica, seleccionados entre os mellores álbums do ano na música electrónica por revistas internacionais especializadas, contando con millóns de escoitas en plataformas dixitais, colaboracións con artistas finalistas nos Premios Grammy ou presentacións en vivo nalgúns dos festivais máis importantes de España como son o BBK, o Sónar ou o Arenal Sound.
Desta colaboración conxunta nace este tema que mestura a electrónica e as voces ambient máis actuais xunto coas raíces tradicionais e o galego. Este xunte supón unha declaración de intencións e unha ruptura co publicado ata agora por parte de Sabela. A artista busca un son máis internacional, feito dende a súa terra e tendo en conta as súas raíces e o seu idioma.
Esta canción que xira arredor do desexo é o primeiro adianto do seu próximo EP. Desta maneira, e sumado á xira que a está levando, grazas á axuda do certame Girando Por Salas nalgunhas das datas, por grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, Valladolid ou León, por eventos como Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas máis importante de Galicia, ou por festivais da talla do SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo; a artista galega completa un ano 2024 prolífico para a súa carreira, que a posiciona como un dos grandes alicerces do seu xénero. As entradas da súa xira están xa á venda na sabelamusic.es.
Próximas datas do Ceniza Tour
29/05 · Galicia Escena Pro · Santiago de Compostela
31/05 • El Gran Café León • León (GPS)
01/06 • La Chica de Ayer • Salamanca (GPS)
06/07 · Festival do Pasatempo · Betanzos
20/07 · Náutico de San Vicente · O Grove
01/08 • Festival SonRías Baixas • Bueu