A ARTISTA GALEGA ANUNCIA O SEU PRIMEIRO CONCERTO DE 2026 DENTRO DO FESTIVAL EMIGRASON, QUE TERÁ LUGAR O 27 E 28 DE FEBREIRO EN BRUXELAS

Fotografía: Trece Amarillo

Bueu, 29 de outubro de 2025. Sabela pon data ao comezo da xira Brillante Tour coa confirmación da súa participación no festival EmigraSon de Bélxica. A primeira data de 2026, despois do éxito do seu paso por BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Xurés Son, é o festival de músicas galegas de Bruxelas, que vén de anunciar o seu nome xunto co de The Rapants como primeiros confirmados da edición que terá lugar o 27 e 28 de febreiro de 2026. Sabela redondea así, co seu primeiro concerto no estranxeiro, un mes de outubro no que vén de publicar o seu novo EP, Bríllanche os olliños, así como a colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo 2018, María Escarmiento, titulada Non cho podo dar.

O lanzamento do seu novo traballo está a ser unha nova revolución na carreira de Sabela. Con preto de medio millón de escoitas acumuladas nos seis temas que compoñen Bríllanche os olliños, así como xa máis de cincuenta mil visualizacións en tan só cinco días dende o lanzamento do videoclip de Non cho podo dar, a cantante encara os seguintes pasos do seu proxecto coa vista posta no comezo da súa nova xira no 2026. Bélxica será o punto de partida, ao que se irán sumando novas cidades e datas nos próximos meses.

Co inicio de xira haberá un directo remodelado no que terán peso os novos temas deBríllanche os olliños, a súa particular aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste último traballo discográfico, e que trasladará a un directo no que o pop electrónico buscará novos rexistros cos que sorprender ao público. Temas que transitan este xénero dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas e que algún será interpretados por primeira vez. Nos seus destacados concertos en festivais como BIGSOUND Pontevedra ou SonRías Baixas, o público xa puido disfrutar de temas como Hi, my love, Eu espero aquí ou Camponarai, aos que agora se lles unen Cerca de ti, A quen ignora e o recente Non cho podo dar, para dar forma a unha nova proposta sobre os escenarios da de Ourol.

Este novo EP de Sabela conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.