A ARTISTA DE OUROL FAI PÚBLICO O VIDEOCLIP QUE ACOMPAÑA AO TEMA PUBLICADO ESTE MESMO MÉRCORES

Tras a estrea este pasado mércores 29 do seu novo sinxelo “Hi, My Love”, Sabela publica hoxe mesmo o videoclip que acompaña ao tema. Esta produción está realizada pola propia Sabela baixo a dirección de Paula Pereira, coa que xa colaborou noutras ocasión, e a dirección de fotografía de Lucía C. Pan, gañadora en múltiples ocasións do Premio Mestre Mateo. Cobra especial importancia neste videoclip a compañía de baile Cali Danza, que establecen un rol protagonista xunto con Sabela dentro do mesmo. Esta obra audiovisual é ademais a constatación do talento galego, que vai dende o musical ata o audiovisual, pasando pola danza, nun vídeo rodado integramente en Galicia. Este videoclip de “Hi, My Love” está financiado polo Instituto Nacional de Artes Escénicas e Música (INAEM) xunto co certame Girando Por Salas (GPS).

Desta maneira Sabela da comezo a unha nova etapa da súa carreira, na que aposta forte por un son máis internacional pero que conta con elementos tradicionais galegos, que manteñen e fortalecen as raíces da artista. “Hi, My Love” é o primeiro sinxelo do que será o seu próximo EP, co que aspira a revolucionar o pop electrónico e estatal.

Este tema, que se pode catalogar como “candidato a canción do verán”, é a conxunción do traballo de produción de Sabela xunto con Mateo Bruquetas, o seu produtor habitual, e Ed is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional, con múltiples galardóns da talla do Premio VMA a “Mellor Produtor de Música Electrónica” ou o Premio MIN a “Mellor Gravación de Música Electrónica”. Algúns dos seus traballos están recoñecidos como referencias da música electrónica, seleccionados entre os mellores álbums do ano na música electrónica por revistas internacionais especializadas, contando con millóns de escoitas en plataformas dixitais, colaboracións con artistas finalistas nos  Premios Grammy ou presentacións en vivo nalgúns dos festivais máis importantes de España como son o BBK, o Sónar ou o Arenal Sound.

Desta maneira, e sumado á xira que a está levando, grazas á axuda do certame Girando Por Salas nalgunhas das datas, por grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, Valladolid ou León, por eventos como  Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas máis importante de Galicia, ou por festivais da talla do SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo; a artista galega completa un ano 2024 prolífico para a súa carreira, que a posiciona como un dos grandes alicerces do seu xénero. As entradas da súa xira están xa á venda na sabelamusic.es.

Próximas datas do Ceniza Tour

31/05 • El Gran Café León • León (GPS)

01/06 • La Chica de Ayer • Salamanca (GPS)

06/07 · Festival do Pasatempo · Betanzos

20/07 · Náutico de San Vicente · O Grove

01/08 • Festival SonRías Baixas  • Bueu