A ARTISTA GALEGA CELEBRA UNHA NOVA NOMINACIÓN AOS MESTRE MATEO CO COMEZO DO SEU TOUR, QUE XA TEN TRES DATAS CONFIRMADAS
AÍNDA QUEDAN ENTRADAS DISPOÑIBLES PARA ESTE SÁBADO 14 EN GIGLON.COM

Sabela comeza a súa xira Brillante Tour cun concerto no ciclo de música Voces Cálidas de Oleiros (A Coruña). Será este sábado 14 de febreiro no Auditorio da Fábrica de Perillo. Despois do éxito do seu paso en 2025 por BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Xurés Son, a cantante encara esta nova xira coas primeiras datas deste ano, pasando tamén polo festival EmigraSon, o festival de músicas galegas de Bruxelas (Bélxica), cunha actuación que terá lugar o 28 de febreiro na sala La Madeleine. Sabela redondea co concerto na sala La Conservera de Viveiro (Lugo), o próximo 9 de maio, un comezo de xira tras publicar o seu novo EP, Bríllanche os olliños.
O lanzamento do seu novo traballo está a ser unha nova revolución na carreira de Sabela. Con máis de medio millón de escoitas acumuladas nos seis temas que compoñen Bríllanche os olliños, así como preto de cen mil visualizacións do videoclip de Non cho podo dar, a cantante encara os seguintes pasos do seu proxecto coa vista posta neste comezo de xira.
FINALISTA NOS PREMIOS MESTRE MATEO
Sabela celebra o comezo da xira e as primeiras datas cun novo fito. Como segundo ano consecutivo, a artista é nomeada entre os finalistas a “Mellor Videoclip” nos prestixiosos premios Mestre Mateo, o maior recoñecemento no audiovisual galego. Tras a nominación o pasado ano con Hi, My Love, este ano repite fazaña con Non cho podo dar, o seu tema en colaboración con María Escarmiento. A gala de premiación terá lugar no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo o próximo 21 de marzo.
