CON ESTA RUMBA, A BANDA PROMETE “TOCAR UNHA CANCIÓN MÁIS” GRAZAS AOS FOLGOS DO SEU PÚBLICO

TAMÉN ANUNCIARON ESTA SEMANA O SEU CONCERTO DE COMEZO DE XIRA, QUE TERÁ LUGAR EN CANGAS O 2 DE MAIO, CON ENTRADAS Á VENDA EN ENTRADIUM.COM

 O PRATO FORTE DA XIRA SERÁ A SÚA ACTUACIÓN NUN DOS FESTIVAIS MÁIS IMPORTANTES DE GALICIA, O SONRÍAS BAIXAS

A banda morracense Quinkillada vén de publicar o seu novo sinxelo Quinkirumba, unha rumba que os devolve tanto ás súas orixes como ás dos xéneros que tocan. Nel, expoñen a súa predisposición e ganas de seguir tocando e dándoo todo pola xente que os apoia. Un canto de agradecemento ao seu público coa clara intención de valorar os folgos que lles transmiten, establecendo ese paralelismo de cando a festa está a piques de rematar pero os ánimos fan que a banda toque unha última. A conexión co seu público leva marcando toda a súa carreira, e desta vez a banda quere devolver todo ese aoio en forma de canción.

Quinkirumba é unha débeda pendente que tiña a banda co seu pasado e o pasado dos xéneros polos que transitan, outorgando valor á rumba, semente da súa música. A banda morracense explora así este xénero para outorgarlle o seu selo persoal, evocando aos tempos nos que a rumba era un estilo en auxe, que coincide cos inicios da banda. Nesa época versionaban temas coñecidos, medraban en festivais que traían referentes e escoitaban a moitos artistas cataláns que a día de hoxe son inspiración para eles, e un tema coma este é unha clara volta a eses inicios.

O sinxelo leva consigo moito tempo de composición e produción, xa que foi un tema que se traballou a lume lento e pasando por moitos estados para acadar o resultado final. Ao principio a banda fixou como obxectivo traballar nunha rumba que representase eses comezos, e a partir dese concepto foron musicalizando e compoñendo  a letra. Como resultado, atopamos un traballo cun toque emotivo tanto para eles como para o seu público.

COMEZO DA XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS

Quinkillada porá o punto de partida da súa nova xira Entre Cumbias e Rumbas cun concerto especial na sala Adro de Cangas o próximo 2 de maio. O show terá lugar a partir das 22:00 e servirá para celebrar o quinto aniversario da banda, que ten preparado un directo cheo momentos inesquecibles que levarán polas distintas festas, festivais e salas, para convertelas en torreiros cheos de baile e moita diversión. As entradas están xa dispoñibles en entradium.com.

Polo momento, o primeiro festival confirmado é o SonRías Baixas, un dos máis importantes do verán galego, e no que xogarán na casa. Os do Morrazo levarán a festa a Bueu, nun concerto que cobra un cariz especial por ser un dos festivais aos que ían de novos e ao que lle adicaron un verso nun dos seus primeiros temas, Festival.

PRIMEIRAS DATAS XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS

02/05 · Sala O Adro · Marín

30/07-01/08 · Festival SonRías Baixas · Bueu