ESTE NOVO SINXELO VE A LUZ DESPOIS DE DERRADEIRA CANCIÓN, A SÚA POTENTE COLABORACIÓN CON GRANDE AMORE E CAPITAL VOSKOV

Quinkillada segue avanzando a súa nova música co lanzamento do seu máis recente sinxelo, Os Reis do Lugar. Tras a boa acollida de Derradeira Canción, coa colaboración de dúas das bandas máis recoñecibles do panorama musical galego, Grande Amore e Capital Voskov, os morracenses voltan ao sendeiro da verbena cun tema moi estival que os devolve á súa esencia festeira no medio dos días fríos e chuviosos de inverno. Unha canción para levar os pensamentos aos torreiros das festas e facer máis asumible a espera ata o verán.

Os Reis do Lugar é unha cumbia que naceu fai xa dous anos. Deriva de ideas e conceptos doutras cancións que se foron xuntando para que collesen forma neste resultado final, cun retrouso xurdido nunha actuación nunha festa ollando cara o público. A banda do Morrazo apela a ese sentimento tan xenuíno de deixar a un lado a rutina para desinhibirte gozando, retomando esas ganas de rachar co aburrimento para poder ir bailar a unha festa, tomar algo nun chiringuito de praia ou mesmamente dalo todo no torreiro dunha verbena.

A canción non se enfoca tanto en sentir que es o rei da festa no sentido de captar o protagonismo, senón máis ben dese sentimento interno de poder sentir a liberdade e rachar coas cadeas da rutina e o aburrimento para poder gozar e dalo todo. A banda apela novamente nun dos seus temas a ese sentimento tan galego de ter ganas de troula e verbena, deixando consigo unha nova canción no seu repertorio que apunta directamente aos concertos de verán, onde Quinkillada espera encher os escenarios e torreiros coa súa característica posta en escena chea de baile e diversión.