O TEMA, ESTREADO O PASADO VENRES, XUNTA A TRES DAS BANDAS MÁIS RECOÑECIBLES DA MÚSICA GALEGA

A banda morracense Quinkillada estrea o videoclip do seu novo tema Derradeira Canción, en colaboración con Grande Amore e Capital Voskov. Tras o lanzamento o pasado venres do seu novo sinxelo, o grupo auto produce dende Marín o vídeo do mesmo, representando visualmente o concepto da canción, a lembranza e a nostalxia do vivido nunha relación, pero tamén a necesidade de ter que pasar páxina. Tanto na gravación do tema como do propio videoclip, a sintonía entre as tres agrupacións foi moi boa, o que facilitou enormemente o traballo en conxunto, optimizando o tempo ata o punto de gravar o audio no estudo pola mañá e pola tarde o videoclip.

Derradeira Canción naceu da naturalidade de ir coincidindo en concertos e das boas relacións xurdidas durante estes anos. Este novo tema, que combina sons indies e funkies con sons de electrónica con predominio dos sintetizadores, xunta varias referencias a algúns dos grupos máis destacados da música en galego actual, xogando coa temática do desamor, centrando a visión en pasar e pechar páxina nunha relación.

O tema destaca pola pretensión de Quinkillada de abrir horizontes e saír da súa zona de confort, explorando sons aos que a banda morracense non estaba acostumada. Para iso, mergulláronse nun proceso de escoita de moitas bandas, que abriron o camiño ás referencias que se poden escoitar na propia canción. Unha mostra de que a banda é capaz de saír das temáticas alegres e con alusións ao verán, para levar aos oíntes cara a nostalxia dos días chuviosos e fríos de inverno. Unha vez presentaron o tema ás dúas bandas o xunte foi instantáneo, poñéndose a traballar ao momento, e adaptando partes da canción aos estilos de Grande Amore e Capital Voskov, deixando ver o agarimo e agradecemento cara eles e os seus traballos.