Dende PlayPlan damos a benvenida a Quinkillada e Alizza!
A banda galega que combina xéneros como a cumbia, rock ou ska e a cantante madrileña de pop alternativo e R&B contemporáneo comezan a formar parte do noso roster

Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables.
Cunha carreira meteórica ás costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela.
Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión.

Fusionando sons do pop alternativo e R&B contemporáneo xorde a figura de Alizza, unha das voces emerxentes máis prometedoras da escena. Con sensibilidades introspectivas, a artista madrileña constrúe atmosferas envolventes que se complementan con letras intimistas para servir de voz ás novas xeracións. Irrompendo con forza no panorama, Alizza faise oco con producións modernas e traballadas que se afastan do establecido con personalidade.
Tras os seus primeiros sinxelos publicados, nos que traballou man a man na produción dos temas xunto ao seu pai, Pulpul, cantante da banda Ska-P, a artista está a traballar nos seus seguintes traballos, buscando que a personalidade e calidade das súas producións siga afianzando a súa condición como un dos grandes talentos da escena emerxente estatal.