O ARTISTA PORTUGUÉS REINVENTA DE NOVO A MÚSICA DE RAÍZ PORTUGUESA BAIXO O PARAUGAS DA MÚSICA ELECTRÓNICA

O novo EP de OMIRI, Modas Novas e Algumas Velhas, xa está dispoñible en todas as plataformas. Este traballo ve a luz despois de oito anos de recompilación e recollida de sons ao longo da xeografía portuguesa. O luso pon no foco o son e voces femininas, outorgándolles o protagonismo que merecen e que se lle denegou ao longo da historia da música tradicional. Cun son electrofolk, as músicas e cancións que só vivían nas aldeas do país adquiren unha nova vida, renovadas e reeeditadas, cun son diferente pero mantendo viva a súa esencia e valor cultural.

Este EP foi composto, gravado, mesturado, masterizado e producido integramente polo propio OMIRI, recollendo anacos de audios e vídeos realizados por el mesmo polas vilas de todo Portugal para darlles un son electrónico. Destaca a participación da súa propia filla, así como dos artistas galegos Xosé Lois Romero e Aliboria.

A súa primeira parada en España tras este lanzamento será en galicia, na sala Rebullón de Mos, o próximo sábado 15 de febreiro. As entradas están xa dispoñibles na web da propia sala.

MÁIS SOBRE OMIRI

OMIRI é un dos proxectos de reinvención da música de raíz portuguesa máis orixinais do momento. O artista luso reedita a tradición levando aos escenarios aos verdadeiros intervenientes da cultura veciña; músicos e paisaxes sonoras de todo o país tocan e cantan no seu espectáculo a través do son e imaxe, con recollidas gravadas en vídeo e manipuladas que serven de base para a composición e improvisación musical do portugués.

OMIRI é, por riba de todo, cultura do século XXI, ao mesturar nun só espectáculo prácticas musicais xa esquecidas, facéndoas accesibles aos formatos de consumo actuais, sincronizando formas e músicas da tradición rural portuguesa coa linguaxe da cultura urbana.

Nos últimos anos o portugués consagrouse como un proxecto internacional, levando toda a cultura lusa por todo o mundo e actuando nos maiores festivais tanto do seu país como internacionais, onde destacan Womex, Reepper-bahn, Eurosonic, Rudolstadt, Kaustinen, Viljandi, Dranouter, Live at Heart, Exib Musica, Iminente, WestWay Lab, Med ou Artes à Rua entre moitos outros. A súa música é recoñecida e valorada pola crítica especializada, chegando a fitos como posicionar o seu álbum Baile Electrónico no top 3 das listas World Music Charts Europe ou recibir o Prémio Inatel nos Iberian Festival Awards.

Paralelamente aos concertos nos escenarios, OMIRI tamén traballa con proxectos de relevancia social, desenvolvendo comunidades locais en rexións especificas con espectáculos únicos dos que saíron libros e CDs que axudaron a visibilizar, reivindicar e posicionar ante un público masivo as culturas locais de ditas zonas.