Engádense á programación Marlena e Grande Amore
A falta de menos dun mes para a súa celebración, o festival SonRías Baixas desvelou as últimas novidades do seu cartel, distribuído durante os próximos 31, 1, 2 e 3 de agosto.
A distribución de artistas que participarán na 21ª edición do festival galego, celebrado na localidade de Bueu (Pontevedra), queda da seguinte maneira:
Xoves 1
LA OREJA DE VAN GOGH
ÁLVARO DE LUNA • LA LA LOVE YOU
ANABEL LEE • MOROCHOS
SABELA • SEXY ZEBRAS
Venres 2
ROZALÉN • CHEF´SPECIAL
FILLAS DE CASSANDRA • TRAVIS BIRDS
COOL NENAS • GILIPOJAZZ • LA ÉLITE • MUERDO
Sábado 3
TANXUGUEIRAS • RAYDEN
GINEBRAS • THE RAPANTS
EMLAN • GRANDE AMORE
INÉS HERNAND • MARLENA
MONDRA • MR. KILOMBO
As últimas dúas novidades incorporadas ao cartel son Marlena e Grande Amore, sendo ambas as formacións os protagonistas da tradicional Sesión Vermú que ten lugar ao mediodía da última xornada (este ano, o sábado 3 de agosto). O dúo formado por Ana e Carolina chega ao recinto de As Lagoas despois de converterse nunhas das bandas revelación da tempada grazas ao seu pop fresco e que conta historias cotiás de amor e desamor. No seu repertorio non faltarán hits coñecidos xa por todos como “Amor de verano“, “Me sabe mal” ou “bailamorena“.
Pola súa banda, Grande Amore volven tras poñer patas arriba o seu escenario e ao público na súa actuación da pasada edición. Rabia e hastío que converten en himnos coreables e cun selo único que aborda desde os sintetizadores ao back metal, o punk ou o rock industrial, nun resultado totalmente xenuíno e inclasificable.
Os abonos xerais e as entradas de día continúan dispoñibles desde a web do festival e a través de Enterticket.es. Como xa ocorreu na edición anterior, o 31 de xullo terá lugar a festa de benvida no recinto e tamén se abrirá a zona de acampada, que este ano trae como novidade a posbilidade de acceso á mesma para as persoas que adquiran a entrada dun só día e non só para os compradores do abono completo.
Ademais, e tal e como se fixo o ano pasado, unha vez presentada a programación completa, as 200 primeiras persoas máis rápidas que sexan usuarias do Carné Xove da Xunta de Galicia poderán optar a un 30% de desconto nos seus abonos.
Esta edición, que tras estas últimas confirmacións estará formada por 25 artistas, chega encabezada por nomes como La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, nunha aposta da organización, a promotora PlayPlan, para tratar de cambiar a tendencia marcada pola propia industria musical, e apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como nomes principais do cartel.
Tamén se mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezada pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego, como son Tanxugueiras.
A todos estes nomes súmanselles as interesantes propostas de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Elite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds, mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais.
SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan Cultural. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, e da Xunta de Galicia a través de Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker.