HUGO XÚNTASE COA BANDA ERRANTES PARA PUBLICAR EN ACÚSTICO QUIXERA SER, CLARIDADE E PRESIÓN

O rapeiro Hugo Guezeta pásase ao acústico coa publicación de dous dos seus grandes éxitos en solitario e un tema exclusivo neste formato. Quixera ser, e Claridade ven a luz baixo unha nova pel, grazas á colaboración entre o rapeiro e a banda ponteareá Errantes, coa que xa creou unha conexión que transcende estas colaboracións e chega ata os escenarios. A maiores, Hugo deixa como agasallo Presión, un tema inédito do artista que pecha así este EP en acústico, e que polo momento só se poderá gozar nesta versión. Ante unha sinerxía aparentemente complexa entre unha banda e un rapeiro, ambos souberon adaptarse e empastar á perfección para poder destripar estes temas do repertorio de Hugo e darlle unha nova vida. Gravado en directo e cunha proposta moi diferente, este EP representa un achegamento ao que o público pode gozar nun concerto de Hugo Guezeta.

Estas tres versións son a constatación do bo facer ao vivo do rapeiro, que tras encher dúas das primeiras datas de presentación do seu novo disco está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver a Hugo Guezeta en directo serán o 21 de marzo en Ourense (sala Auriense), 28 de marzo en Cambados (sala Krazzy Kray) e os festivais A Candeloria e Revenidas. As entradas para os concertos de salas están xa dispoñibles en www.enterticket.es.

XIRA O NOSO TEMPO

21/03 · Auriense · Ourense

28/03 · Krazzy Kray · Cambados

04/04 · A Candeloria · Lugo

11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán

ENTRADAS