A nova serie de conversas abertas ao público terá lugar todos os martes, ás 21.00 horas, a través da canle de Youtube e na páxina de Facebook das pandereteiras
O produtor musical Arnau Moreno, a poeta Rosalía Fernández Rial, a actriz Beatriz Serén e o presentador radiofónico Salva Ronko serán as figuras convidadas deste
mes de xuño
Tanxugueiras abre un novo espazo virtual para botar unha ollada trad ao mundo cultural e musical. O trío porá en marcha este martes, 9 de xuño, a iniciativa Mira unha cousiña…, unha serie de conversas na rede co obxectivo de dar a coñecer ao público e seguidoras do grupo novidades e propostas de interese da man de artistas e figuras do ámbito da cultura e do lecer.
Mira unha cousiña… terá lugar todos os martes ás 21.00 horas a través da canle de Youtube de Tanxugueiras (https://www.youtube.com/tanxugueiras) e da súa páxina de Facebook (www.facebook.com/tanxugueiras). Desde esta ventá, o grupo achegarase a iniciativas que resulten singulares e novidosas ou que suscitan interese a ollos das
pandereteiras. Durante os encontros, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro conformarán, da man das convidadas, unha selección musical que o público poderá escoitar, posteriormente, en plataformas dixitais.
Neste primero encontro, Tanxugueiras convidará ao artista de Emlan e produtor musical Arnau Moreno, responsable de temas como Tira de la manta, Volveremos, La idea brutal ou Aviones de papel, o novo single que lanzará o venres 12 de xuño. A cita con Arnau será mañá martes ás 21.00 horas e, de cara ás vindeiras semanas, Mira unha cousiña… contará coa participación da poeta e creadora Rosalía Fernández Rial, a actriz e presentadora de televisión Bea Serén e do presentador e director do programa radiofónico Maketón Maeloc Salva García, coñecido como Salva Ronko.
A proposta Mira unha cousiña… supón o regreso á primeira liña virtual de Aida, Olaia e Sabela logo da posta en marcha, durante as primeiras semanas do confinamento, dos TanxuVermús, as conversas diarias á hora do aperitivo nas que participaron figuras como Guadi Galego, Rodrigo Cuevas, Xosé A. Touriñán, Verto ou Sabela Ramil, entre outras voces, e que incluíu actuacións ao vivo. Os TanxuVermús pódense ver, de novo, a través da canle de Youtube das Tanxugueiras.