O festival anunciou a súa incorporación nun acto conxunto en San Vicente do Mar xunto con Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, deputada de Turismo, e a representación dos festivais PortAmérica, Atlantic Fest, SinSal e Revenidas, que tamén estarán baixo a marca.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, sinalou os cinco festivais de música do verán que se celebran baixo a marca Rías Baixas Fest como o resumo perfecto de todos os atractivos turísticos da provincia. Cinco citas, Portamérica, Atlantic Fest, Sin Sal, SonRías e Revenidas; que contan co patrocinio da Deputación e que foron presentadas este sábado no Náutico de San Vicente do Grove como unha mostra da oferta cultural e turística que promove o executivo provincial.
“Os Rias Baixas Fest resumen todo o que o noso modelo de turismo é e aspira a ser: unha oferta que pon en valor a incomparable beleza natural da nosa provincia, unha proposta que integra moitas das nosas grandes fortalezas turísticas, como a nosa gastronomía; e un plan que combina actuacións de músicos de prestixio internacional ao tempo que difunde a música emerxente da nosa terra. E todo isto maridado cunha dose fundamental de sustentabilidade, que é o faro que marca a nosa folla de ruta na planificación do turismo”, afirmou Luís López para pechar unha presentación que rematou co concerto da banda pontevedresa La Mosca Valiente.
Antes de que o presidente provincial tomara a palabra, cada un dos representantes dos cinco festivais presentaron as súas ofertas. O codirector do festival, Jordi Lauren, introduciu aos medios o SonRías Baixas, que terá lugar este ano entre o 1 e o 3 de agosto no seu xa recoñecible recinto da vila mariñeira de Bueu.
“Se temos na nosa provincia unha referencia turística de primeiro nivel que xunta cultura, música e natureza, eses son os nosos festivais Rías Baixas Fest”, destacou o mandatario provincial, que recordou o apoio de arredor de 250.000 euros que brinda a Deputación de Pontevedra como patrocinador destes cinco festivais. Un conxunto cultural e musical que, por primeira vez este ano, están integrados nunha marca común: os Rías Baixas Fest.
Neste sentido, Luís López explicou que estes festivais son “moito máis” que tres días de concertos. “Son fonte de riqueza, emprego e crecemento económico de sectores estratéxicos como o comercio, a hostalaría, o transporte ou o turismo; son un recurso vital da nosa oferta de ocio cultural e turística para captar visitantes; e son unha referencia que posiciona ás Rías Baixas no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional”, argumentou o dirixente.
Nunha liña similar pronunciouse a deputada de Turismo, Nava Castro, que foi a encargada de abrir o acto de presentación destes cinco festivais. “É grazas á esta capacidade de traballo conxunto que somos capaces de remar cara a mesma dirección para conseguir grandes obxectivos. E isto é precisamente o que son os Rías Baixas Fest: o mellor exemplo de que sumar sinerxías nos permite medrar e nos permite ser, en definitiva, mellores”, sinalou a deputada.
Antes de rematar, o presidente da Deputación reiterou o apoio do organismo provincial á organización destes eventos e convidou “a todo o mundo a desfrutar duns festivais que son experiencias 100 % Rías Baixas”.