O rapeiro madrileño prensentará o seu sexto e último disco, Homónimo, na nova cita da música ao vivo para este outono no Morrazo
O trepidante directo de García Mc & Nación Quilombo completa a programación, apoiada pola Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e cuxas entradas saen este mércores á venda, a partir das 12.00h, na plataforma Enterticket
A península do Morrazo conta, desde este outono, cun novo evento cultural: a primeira edición de Marín é música celebrarase o sábado 9 de outubro e contará co poeta e rapeiro madrileño Rayden como cabeza de cartel.
A iniciativa, impulsada por PlayPlan Cultural coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa Xacobeo 21-22, pretende dinamizar o territorio con actividade musical durante o outono a través dunha cita que se presenta como imprescindible na axenda desta tempada: será o único concerto que Rayden ofreza en Galicia neste 2021. A actuación, que terá lugar no Parque Azul de Marín, será o escaparate de presentación do seu último e exitoso álbum de estudio, Homónimo. O cartel do evento, que se deu a coñecer esta mañá no Museo Municipal Manuel Torres de Marín, péchase co directo de García Mc & Nación Quilombo, nunha noite vibrante que porá o foco na palabra.
O promotor de Marín é música, Jordi Lauren, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, participaron esta mañá no acto de presentación do cartel do evento, unha proposta ateigada de rimas e creatividade na que a veciñanza poderá gozar do directo de dous referentes do rap a nivel nacional. “Será unha noite para gozar da música ao vivo e con total seguridade”, apuntou Lauren, quen salientou que a capacidade do recinto será de 900 persoas. Durante o encontro, o responsable de PlayPlan tamén anunciou a activación da venda de entradas, que se producirá mañá mércores 15, a partir das 12.00 horas, a través da plataforma web www.enterticket.es. As entradas para acceder ao concerto, que será de pé, teñen un custo de 15€ (máis gastos de xestión).
Ao fío, o director da Agadic puxo en valor a profesionalidade e a calidade das e dos profesionais de Galicia de produción de eventos, “especialmente do sector da música”. “Nestes meses foron quen de reformular as súas propostas e desenvolver proxectos axeitados á situación sanitaria para o goce do público con total seguridade”, sinalou Sutil. Neste sentido, a alcaldesa de Marín tamén defendeu o traballo do sector da produción cultural e aseverou que a localidade “está encantada de recibir un evento de calidade e con artistas de referencia coma este”, no se se produce unha colaboración estreita entre administración pública a través do Xacobeo 21-22 e sector privado. “Marín é música debe ser un referente de como traballar para o sector, artistas e administracións”, afirmou.
Horarios e desenvolvemento
A apertura de portas no recinto situado no Parque Azul, un espazo emblemático de Marín, será ás 19.30 horas e, unha hora máis tarde, os versos de García Mc -antigo membro de Dios ke te Crew- e a fusión cos ritmos do mundo de Nación Quilombo ofrecerán un espectáculo trepidante e innovador no marco do rap en galego. García Mc dará paso outro creador áxil e audaz, como é Rayden.
O madrileño presentará ao vivo, por primeira vez en Galicia, o seu sexto e último disco, Homónimo, no que se inclúen temas como La mujer cactus y el hombre globo ou El mejor de tus errores, con Alice Wonder. Con este álbum, Rayden pon fin á súa triloxía musical sobre a palabra (Antónimo, Sinónimo, Homónimo). O artista, autor de himnos como Matemática de la carne, ou Haz de luz (cuxo videoclip suma case nove millóns de reproducións no Youtube), destaca pola súa capacidade á hora de fusionar xéneros musicais ademais do toque lírico das súas letras.