A peza, dirixida pola creadora Alba Domínguez, é un adianto en imaxes do que será o primeiro disco da banda, “Algo que sinalar”, que verá a luz antes do remate deste 2022. O tema xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e o vídeo na súa canle de Youtube.

Despois de percorrer case un centenar de escenarios co seu hip hop, flow e tintes de contracultura, LaMontagne & PicoAmperio prepáranse para a saída do seu primeiro disco, “Algo que sinalar”, que terá lugar antes de final deste ano. A banda que consegue que a voz de LaMontagne e os loops de PicoAmperio fagan que o público se teletransporte a un universo híbrido, único, hipnótico e absolutamente magnético, presenta hoxe  videoclip do seu tema “Banharemonos nas Ondas”, dirixido pola creadora Alba Domínguez, que xa está dispoñible na súa canle de Youtube.

“Esta canción é unha invitación a deixar a preguiza de lado, a quitar peso de enriba de cada unha. É coma un suspiro profundo e un sorriso co vento do mar na cara antes de correr cara a auga”, afirman LaMontagne & PicoAmperio, engadindo que “quen canta avanza con paso firme e convida ás demais persoas a acompañala neste encontro case corporal con ela mesma. É unha celebración do corpo, da vitalidade e a sexualidade”.

Co seu imaxinario electrónico, LaMontagne & PicoAmperio continúan a destruír fronteiras temporais e estilísticas e abrindo novos camiños neste proxecto multiforme a través do hip hop, o abstract ambient, o folclore, melodías suaves ou atmosferas rascadas. O eterno loop do son atlántico. As próximas ocasións para velos en directo serán o 17 de setembro no Mar de Mares da Coruña, o 18 de setembro en Oia, o 23 en Portomarín e o 24 no Festival Costeira Sonora de Ribadavia.

Traxectoria

Dende que LaMontagne  e PicoAmperio comezaron xuntos a súa andaina no 2019 sempre se caracterizaron pola intertextualidade e pola súa conexión entre poesía e música, case hipnótica, concibindo as cancións como “textos completos que existen para descifrar” e tamén como “unha resposta á cultura herdada”. Alí onde se fusionen a vangarda e a tradición atlántica estará sempre seu punto de encontro, sendo capaces de establecer pontes coas literaturas de antano para traelas de volta ao presente a través de sons futuristas e tecnolóxicos. Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de “músicas urbanas” e o primeiro posto nas listas demoscópicas 2019 de Mondosonoro, que só dan boa mostra de que a súa imparable expansión é unha viaxe sen retorno que xa comezou.

Operación financiada pola Unión Europea, a través de FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL (FEDER), como parte da resposta da Unión á pandemia do COVID-19