Publicando a semana pasada un avance do cartel para a súa 22ª edición, o festival SonRías Baixas gardábase un enorme as na manga e confirma hoxe a tradicional xornada do xoves que se suma ás tres xa desveladas, estendendo así a súa celebración dende o 31 de xullo aos días 1, 2 e 3 de agosto de 2025

O festival converterase en 2025 nun evento de catro xornadas completas (máis a tradicional Festa de Benvida da tarde do mércores), comezando coa súa programación o xoves 31 de xullo cunha proposta artística que fará felices aos fans máis pioneiros do evento xa que, tras seis anos fóra dos escenarios, La Raíz volve como cabeza de cartel ao escenario que lles viu despedirse (momentaneamente) en 2019. A formación, que acaba de despachar dous sold outs consecutivos no Wizink Center de Madrid ante 34.000 persoas, regresa a Bueu como parte da súa Xira Reencuentro e coa que celebran os seus vinte anos cumprindo esa promesa coa que anunciaron o seu parón, “Nos volveremos a ver”.

Nesta apertura do festival ao grande non estarán sós. Canteca de Macao tamén se subirán ao escenario para celebrar o 20 aniversario de “Cachai?”, o seu primeiro álbum, e cuxo mensaxe segue vixente ao máximo en 2024. Convertidos en referentes da mestizaxe e pioneiros e innovadores en novas formas de distribuír a súa música, os seus espectáculos en vivo conxugan á perfección música, circo e visuais, ofrecendo unha experiencia artística completa.

Muyayo Rif volverán ao festival nesta 22ª edición para contaxiar de novo a todo o mundo co seu optimismo e as súas cancións que nos incitan a saltar, voar e liberarnos. Así, en Bueu gozaremos cos seus hits máis coñecidos e tamén descubriremos outros novos incluídos no seu último álbum, “Megalithic”, o seu último disco, co que xiraron por todo o mundo.

A representación da escena galega non podía faltar nesta xornada inaugural e chegará da man do catoirés Baiuca e o seu cada vez máis recoñecido e afagado selo persoal, que mestura a vangarda e a electrónica coa reivindicación do folclore e a música tradicional galega. En SonRías Baixas presentará “Barullo”, o seu novo álbum, e tamén un novo show, estreando novo repertorio e reformulación estética en directo para conseguir retorcer, amplificar e resignificar a idea de ‘foliada moderna’.

Os abonos de fin de semana (venres, sábado e domingo) están á venda desde o pasado luns a través da páxina web do festival, sonriasbaixas.info e Enterticket, con posibilidade de adquirir a acampada para os tres días e precargar de maneira anticipada a pulseira.

Os abonos de 4 días poñeranse á venda mañá xoves ás 12.00h. Aquelas persoas que xa adquirisen o abono de 3 días previamente poderán, se o desexan, convertelo nun abono completo, incluíndo a xornada do xoves. Durante os días 19 e 20 de decembro sairá a distribución do cartel por días e tamén se habilitará a compra de entradas de día para cada xornada do festival.

Estes catro últimos nomes súmanse aos 23 xa confirmados o pasado mércores, e entre os que se inclúen algúns dos artistas nacionais máis importantes e relevantes do panorama musical actual (Dani Fernández, o vigués Sen Senra, Judeline ou Carolina Durante), completando o cartel de 2025 outros proxectos consolidados de moi diversos xéneros e procedencia (Alizzz, Niña Polaca, Nena Daconte, Delaporte, Marlena). Ademais, SonRías Baixas seguirá en 2025 apostando por incluír unha nutrida representación de bandas emerxentes (Melifluo, Griso e Maestro Espada), predominando en moitas delas o talento feminino (Cariño, shego, Pipiolas) e galego (Carlos Ares, The Rapants, Grande Amore, Capital Voskov e Luis Fercán), e que chegan forte para reivindicarse como a nova e prometedora xeración da nosa música. E por suposto, tampouco faltarán os xa tradicionais dj sets para amenizar a entrada e peche das xornadas, a cargo este ano de Eme DJ, NDLR e JuancaSupersub.

Un ano máis o festival conta entre as súas confirmacións con algúns dos artistas nacionais máis importantes e relevantes do panorama musical actual, mantendo tamén a súa aposta por incluír unha nutrida representación de bandas emerxentes nas que predomina o talento feminino e galego, e que chegan forte para reivindicarse como a nova e prometedora xeración da nosa musica. De novo o festival aposta por ofrecer un cartel no que as mulleres xogan un papel determinante, estando constituídas integramente por mulleres ou contando con elas entre as súas filas máis da metade das bandas que visitarán o festival en 2025.

Conseguindo reunir durante as súas tres xornadas a máis de 26.000 asistentes na súa pasada edición, converténdose na máis multitudinaria ata a data, o festival aposta de novo por ofrecer un cartel que inclúa unha proposta musical fresca, sen cinguirse a un só estilo concreto e reunindo unha programación variada estilisticamente na que prima a calidade e que é reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día.

Ademais, xoga un importante papel como dinamizador da economía local, xerando en 2024 un impacto económico no territorio de 2,3 millóns de euros e dando traballo pre, durante e post a súa celebración a case 1000 persoas. Este labor foi recoñecida nos Iberian Festival Awards, que outorgaron ao festival o premio na categoría Best Touristic Promotion. Este premio é xa o terceiro IFA que recibe o evento, tras ser galardoado en 2020 co Excelence Award para Jordi Lauren, director do festival, e co correspondente a Best Communication & Marketing Strategy na edición de 2022.

SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados tamén do recentemente presentado BIGSOUND Pontevedra. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, e da Xunta de Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila.