Delaporte / Credit: Javier Bragado 

Hoxe sábado 2 de agosto tivo lugar en Bueu a terceira xornada do festival SonRías Baixas, que celebra este ano a súa 22ª edición e que este ano conta cun día máis, prolongándose ata mañá domingo. 
 
O día de hoxe  foi o máis extenso, comezando a programación coa Sesión Vermut ao mediodía, protagonizada por Sabela e The Rapants. A artista de Ourol foi a encargada de que comezara a soar a música en As Lagoas e, malia a temprana hora, facturou un show enérxico de pop electrónico e no que repasou os seus últimos singles e o seu disco “Ceniza”. The Rapants, pola súa parte, voltou ao escenario que xa reventaron   o ano pasado nun dos concertos co público máis entregado da xornada, valéndose de pistolas de auga para refrescar ao persoal, con decenas de persoas voando no seu tema “O Avión” e rematando o seu repertorio ao berro xeralizado de “¡Escenario Principal!”. 
 
O Escenario Fest Galicia comezou a soar nesta terceira da man de Alizzz. Amante das guitarras noventeras e tamén innovador na súa faceta como produtor, soubo trasladar esas inquietudes ao seu proxecto como solista, que xa conta con dous álbumes, “Conducción temeraria” e “Tiene que haber algo más”. Un xenio á hora de crear temas con gancho como “Qué pasa nen” – reivindicación das súas orixes do Baix Llobregat e todo o imaxinario desa zona de Cataluña -, “Salir” ou “Despertar”, nos que relata de maneira cotiá grandes emocións e coas que máis dun dos presentes sentiuse sen dúbida identificado.

Judeline / Credit: Javier Bragado

Precisamente por Alizzz e nesa liña de innovación foi descuberta Judeline, e a de Caños de Meca trouxo a Bueu un show que demostrou con creces por que é unha das artistas nacionais con máis proxección internacional. Presentando os temas do seu primeiro álbum, “Bodhiria”, e incluíndo no repertorio algúns dos seus hits anteriores, coma “Canijo”, “2+1” ou “Zahara”, Lara aparece nun bambán e durante todo o set está flanqueada por un hipnótico bailarín e tres bailarinas que continuamente interactúan con ela de maneira que resulta imposible sacar a mirada da performance que ofrece sobre o escenario. 
 
Delaporte anunciaron fai uns días que tras estas datas estivais tomaránse un descanso, así que a súa primeira visita ao festival foi aínda máis emocionante do que  xa previamos. O pasado xaneiro publicaron “Déjate caer”, o seu sexto álbum e no que seguen a máxima de que “El techno cura” e co que se acercaron a sonoridades máis pop, sen perder esa capacidade de levantar a todo o público nunha sorte de trance colectivo e electrónico que xenera un clima no que podes bailar… sentíndote na casa. ¡Votarémosvos de menos neste parón!

 Alizzz / Credit: Javier Bragado
Público en The Rapants / Credit: Aigi Boga 

Dende a outra punta da Península recibimos aos irmáns Alejandro e Víctor Hernández, Maestro Espada. Plasmando sobre as tablas as súas inquietudes por explorar novos sons sen esquecerse de votar a vista atrás, repasaron o seu álbum debut e homónimo a ritmo de castañeta, distorsión e sintes por duplicado, nun exercicio preciosista e cun ollo posto no folklore da súa Murcia natal. 
 
O Escenario El Águila tamén foi testigo das actuacións dos galegos Capital Voskov que, como xa di o seu tema, foron os encargados de “Abrir el juego” a través do seu elegante indie, e GRISO, con Eric e a súa banda presentando os temas de “Lunático”. Sobrezero foi a última banda do día, traendo dende Madrid un bo puñado de cancións e enerxía para demostrar e repartir. 
 
Para pechar, Kike Varela DJ demostrou a súa mestría trala mesa de mesturas nunha potente sesión de electrónica mesturada con hits de onte e de hoxe e que mantivo a intensidade ben arriba para todos aqueles que seguían con gañas de continuar a festa… e de bailar ata o infinito.

 Maestro Espada / Credit: Rocío Cibes

Alongando este ano a unha cuarta xornada a súa duración, o domingo recibirá en Bueu ao que é, sen dúbida, un dos artistas novos máis importantes da escena española. Dani Fernández. O de Ciudad Real presentará o seu disco “La Jauría”, precedido polo éxito de singles como “Todo Cambia”, “Criminal” ou “Me Has Invitado a Bailar”, e que conseguiron, da mesma forma que outros incluidos nos seus anteriores traballos (“Bailemos”, “Clima tropical”, “Dile a los demás”) fulminar récords de escoitas en plataformas dixitais e converterse xa en himnos para todos os amantes da música. Producido por Paco Salazar, o álbum conta con temas cociñados a lume lento, no que o artista recorre á imaxe mental da jauría para definir á sociedade, reflexada como unha multitude disposta a opinar e xulgar calquera tema ou persoa, moitas veces sen ningunha lóxica nin análise nin espírito crítico.   

Carlos Ares chegará a SonRías con todas as miradas postas en él tras un álbum debut, Peregrino”, e a publicación da súa continuación “La boca del lobo” o pasado maio e que xunta as súas raíces galegas, o amor polo rural e a simplicidade na  creación nunha proposta orgánica e vangardista que unida a súa voz única e auténtica fan dos seus concertos xunto a súa banda un dos momentos imperdibles do día.  
 
Niña Polaca están afrontando un dos mellores momentos da sua carreira e visitarannos por primeira vez, xa convertidos nuns imprescindibles nos festivais nacionais e defendendo os seus temas convertidos por mérito propio en clásicos do indie nacional, como “La muerte de Mufasa”, “Willy”, “Pinta Malasaña”, “Nora” ou “San Francisco el Grande”, por citar só algúns dos incluídos nos seus tres álbumes de estudo publicados ata a data.  
 
Marlena voltan ao festival tras coroarse na Sesión Vermut do pasado ano, onde todo  o público desfrutou ao máximo coreando xunto a Ana e Carolina os versos de “Me Sabe Mal”, “red flags”, “bailamorena” ou “Último Baile”. Autenticidade e un directo enérxico e que xera unha gran comunión cos asistentes nunha nova oportunidade para desfrutar dunha das propostas con máis proxección do noso país.  
 
Unha das voces máis recoñecibles e recoñecidas da Historia do pop en español, Nena Daconte será a encargada de abrir a xornada, repasando o seu repertorio e presentando novas cancións do seu disco “La escafandra”. Premiada con numerosos galardóns a toda unha carreira, Mai deléitanos coas súas emocionantes letras sempre cargadas de amor, desamor e outras sensacións do mundo adulto, sempre mantendo o seu estilo tan único e persoal que a fixo unha das artistas imprescindibles da nosa música.  
 
A xuventude e as guitarras enérxicas correrán a cargo de Pipiolas, co seu pop cheo de aristas e fantasía. Empregando unha linguaxe musical propia, madura, fresca e tremendamente divertida, non faltarán no seu set, hits do seu repertorio e grandes colaboracións coma “Todas Las Horas”, con Ginebras, “La Niña Bonita”, con Rigoberta Bandini ou “Llorarme”, con Kiko Veneno. Para pechar, damos a benvida de novo a NDLR nun set que conseguirá, como xa fixo fai dúas edicións, manter a todos os asistentes a tope de enerxía ata o peche desta nova edición que promete ofrecernos, un ano máis, grandísimos momentos para o recordo.  
 
SonRías Baixas é un festival promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademáis, co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker, e Los40 como emisora oficial.