A iniciativa virtual emítese todos os luns a partir das 21.00 horas a través da páxina web do grupo e do seu perfil oficial en Facebook.

Midas​, o último tema das cantareiras, leva máis de 220.000 reproducións nas plataformas dixitais desde o seu lanzamento o pasado 5 de febreiro.

Tanxugueiras continúa coa difusión da súa particular ollada virtual sobre o mundo da cultura galega. Unha visión, se cabe, máis actual ca nunca. A serie de conversas Mira unha cousiña…, que as cantareiras emiten todos luns pola noite a partir das 21.00 horas a través do seu perfil oficial en Facebook e da súa páxina web, avanza na súa programación con cinco novos encontros con figuras do mundo cultural e lecer que este mes de marzo están a presentar os seus novos traballos. Como novidade, as conversas desta tempada pódense escoitar con posterioridade en plataformas como Ivoox ou Spotify 

O director Jorge Coira, que acaba de estrear a segunda tempada de Hierro e prepara a rodaxe da longametraxe Proyecto Emperador, será o primeiro convidado de marzo. Na noite do luns 1, a partir das 21.00 horas, o de Rábade falará coas músicas dos seus novos proxectos audiovisuais, do tándem Coira-Tosar e de bandas sonoras imprescindibles. Na semana do 8M, o propio luns 8, as pandeireteiras achegaranse ao mundo do stoner, punk e rock da man de Anxela e Violeta, músicas do dúo Bala. Con elas falarán de Maleza, o novo traballo que o grupo coruñés lanzará o 14 de maio e do que acaba de prensentar o seu primeiro adianto Agitar.

De cara o luns 15 o convidado será o actor David Amor. O humorista, que comezou a súa carreira no programa O rei da comedia, é un dos rostros máis coñecidos no mundo da televisión pola súa participación en proxectos como El club de la comedia. Á semana seguinte, o día 22, Muerdo, o alter ego do poeta e compositor murciano Paskual Kantero, presentará o seu último traballo discográfico, La sangre del mundo, no que o cantante explora as sonoridades electrónicas pero sen perder as bases da música de raíz. O mes rematará cunha conversa o luns 29 con Noelia B. Rodríguez e Lora González, as responsables de Salsagaucha, o proxecto textil ourensano que nace no 2020 a raíz da confección de máscaras e que ten como referente estético a cultura galega.

Máis de 220.000 reproducións de Midas

Desde a súa estrea o pasado 5 de febreiro, Midas, o novo tema de Tanxugueiras suma máis de 220.000 reproducións nas distintas plataformas dixitais, entre as que destacan polo alto número de visualizacións en Youtube (máis de 116.000) e Spotify (máis de 65.000 escoitas). As cantareiras agradecen ao público a boa acollida do tema e avanzan que nos vindeiros meses haberá novos lanzamentos.

X